Venres. 03.05.2024
El tiempo

A Plataforma Reiseñores esixe o coidado ás persoas con Necesidades Especiais, "unha realidade incómoda para as administracións"

Plataforma Reisenores
A Plataforma Reiseñores esixe o coidado ás persoas con Necesidades Especiais, "unha realidade incómoda para as administracións"

Esta semana a Plataforma "Reiseñores" NEE/NEAE Costa da Morte mantivo unha reunión co alcalde do Concello de Corcubión, Xabier Domínguez, para presentar cales son os seus principios e os seus fins para traballar pola diversidade. O colectivo quere que 2024 sexa un punto de inflexión reuníndose coas administracións, entidades e asociacións para que "entre todas e todas facer unha sociedade onde ninguén estea excluído".

Na reunión, na que estivo presente a presidenta da Federación Provincial de Anpas da Costa da Morte, a presidenta da Anpa Alén do CEIP Praia de Quenxe, representantes da Asociación Paseniño e representantes da propia Plataforma Reiseñores expuxeron ao alcalde a realidade e as problemáticas que sofren as familias con nenos e nenas con necesidades especiais. Trasladaron tamén como esas problemáticas se agravan a medida que eses mesmos nenos e nenas medran pasando da infancia á ser persoas adultas onde semella que as administracións esquecen case por completo de que existe esa realidade. "Sabemos, por propia experiencia que é unha realidade incómoda para as administracións" din desde a Plataforma.

"O obxectivo", di Reiseñores, "é traballar todo o posible para eliminar as barreiras físicas e psíquicas para que as persoas con Necesidades Especiais poidan gozar do seu dereito a vivir un mundo que tamén lles pertence do xeito máis autónomo posíbel en todas as etapas da súa existencia".

Na reunión tratáronse varias propostas como prever partidas nos orzamentos para que se inclúan en todas as actividades ofrecidas polo concello, tanto deportivas, sociais, culturais ou en calquera ámbito que sexa da súa competencia, ás persoas con necesidades especiais, estudar a posibilidade de ofrecer becas-terapia ás familias con poucos recursos, adaptar as contornas urbanas, parques infantís e espazos verdes a unha realidade diversa... entre outras demandas que se lles foron presentadas durante a reunión.

Reiseñores solicitou tamén a implicación política do concello para apoiar as demandas da Plataforma como que haxa unha rede de profesionais de Pedagoxía Terapéutica ( PT)  Audición e Linguaxe (AL) así como que nos centros educativos existan profesionais non docentes como Terapeutas Ocupacionais, Psicólogos ou Educadores Sociais...

Reiseñores valora a reunión de xeito moi positivo e con moita empatia por parte do alcalde Xabier Domínguez que se comprometeu a estudar as demandas da plataforma para materializalas según as posibilidades do Concello de Corcubión.

Comentarios