O Bela Fisterra tamén acolle unha Pasarela Canina

O que non acolla o Bela Fisterra... O Hotel Literario fisterrán cambia, esta fin de semana, os libros polos cans, para acoller un desfile de moda canino. A cita será este sábado 18 de outubro, ás 19:00h.

A organización desta pasarela corre a cargo de Paz Blanco de Haciendo el Galgo e deseñadora de prendas exclusivas para mascotas; Damián Álvarez, modelo, empresario e deseñador de pasarelas de moda e Pepe Formoso, propietario do "hotel amigo de animais" onde se realiza o evento.

Este desfile de moda canina conta con 13 cans adoptados que serán os auténticos protagonistas, lucindo pezas exclusivas confeccionadas por Paz, creadora de Haciendo el Galgo.
Cada prenda —desde os arneses ata os polares e chubasqueros— está feita á medida no pequeno obradoiro que Paz ten en Portosín, onde deseña e confecciona cada modelo con tecidos de primeira calidade e patróns propios. O resultado son pezas únicas que combinan comodidade, estilo e funcionalidade, pensadas para o benestar dos cans e o gozo das súas familias humanas.

Este desfile busca tamén poñer en valor a adopción responsable, demostrando que os cans adoptados non só enchen de amor os fogares, senón tamén as pasarelas.
Con esta iniciativa, Haciendo el Galgo reafirma o seu compromiso coa moda sostible, ética e feita con corazón, celebrando a diversidade, o talento local e a beleza de cada can.

 

 

 

Máis novas