O BNG volve preguntar polo servizo de pediatría en Fisterra
Vai ano e pico dende a última concentración desenvolta pola falta de pediatra en Fisterra, pero a cousa non mellora, e a atención médica das crianzas sigue sendo derivada ao centro de saúde de Cee, provocando saturación no servizo, con retrasos en citas, revisións de idades e vacinacións. Por iso, o BNG de Fisterra vén de denunciar que a Xunta segue sen solucionar un asunto tan importante.
A pesar de que o Sergas dese a coñecer que no novo concurso que impulsou para cubrir os chamados postos de difícil cobertura, na vila do Cristo quedase vacante a praza para dispoñer dun pediatra.
A formación nacionalista incidiu en que o goberno galego leva 16 anos gobernando e non foi quen de facer unha previsión para cubrir as prazas de municipios periféricos. “É unha mostra máis da ineptitude e nefasta xestión da Xunta do PP, neste caso en materia sanitaria”, sinalou o BNG,
A voceira municipal do BNG de Fisterra, Tereixa Fernández manifestou que “exiximos unha solución á Xunta, pois xa estamos fartos de tantas promesas que non son cumpridas; o Sergas dixo que cubriría a praza de pediatra xa no verán de 2024, e logo de máis dun ano continuamos sen o servizo”.
A portavoz nacionalista insistiu en que o problema persiste desde que se xubilou o profesional que exercía de puericultor na vila en marzo de 2024, e indicou que a Xunta debería estabelecer uns criterios que fagan máis atractivas as prazas sacadas a concurso, para que non queden vacantes. “Seguiremos loitando e mobilizándonos por algo que é un dereito e que tería que estar consolidado”, afirmou Tereixa Fernández.
Máis novas