Luns. 07.10.2024
El tiempo

Reiteran as problemáticas co servizo de pediatría en Carnota, Dumbría, Fisterra e Muxía

Centro de Saude de Carnota
A pediatra de Muros xa non se achega ao Centro de Saúde de Carnota
Reiteran as problemáticas co servizo de pediatría en Carnota, Dumbría, Fisterra e Muxía

Continúan os problemas co servizo de pediatría na Costa da Morte. Un mal xa endémico da nosa comarca, do rural galego, avalado por unha Xunta de Galicia que segue desmantelando a sanidade pública do país.

O Sergas segue sen cubrir as prazas de pediatría nos centros de saúde de Fisterra, Dumbría e Muxía, mentres que quedou paralizado o servizo pediátrico no centro médico de Carnota

Ante esta situación, o O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego. Por un lado insta a prover “de forma urxente cun profesional médico especialista” os centros de Fisterra, Dumbría e Muxía e por outro pide restablecer o servizo carnotán “nas mesmas condicións, como mínimo, anteriores a maio deste ano”.

No caso do Centro de saúde de Fisterra leva máis de cinco anos sen que se cubra a praza de pediatría cun especialista. As crianzas eran atendidas ata marzo deste ano por un puericultor, xubilado desde dito mes, provocando que os nenos e nenas da localidade teñan que ser desprazados a Cee. 

En canto aos pediatras que ocupaban as prazas nos centros de atención primaria de Muxía e Dumbría, Oscar Insua sinalou que recentemente pasaron a cubrir o servizo no centro médico de Cee, polo que nestes momentos o centro ceense presta servizo para os nenos e nenas de Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía e Dumbría, quedando dúas novas vacantes sen prover nos concellos abandonados. 

Mentres, en Carnota, desde maio deste ano unha das especialistas do centro de saúde de Muros deixou de desprazarse ao centro carnotán, ao que acudía os luns, mércores e venres de 8,30 a 12,00 horas. Desde dito mes, teñen que ser os pais e nais das crianzas as que vaian a Muros para acudir á consulta.

Máis novas sobre recortes en sanidade

Comentarios