Brais Pichel ofrece un showcooking en Fisterra para abrir a Temporada de Mar
Temporada de Mar, un proxecto promovido pola Asociación de profesionais de turismo da Costa da Morte (APTCM) e financiado polo GALP Costa Sostible, que se desenvolve nos concellos de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría e Fisterra; continúa a desenvolver a súa axenda de actividades da anualidade 2025.
Unha vez que rematou a época de maior afluencia de turistas do ano volven os meses con R, aqueles que a sabedoría popular identifica como os mellores para o consumo de produtos do mar. Neste marco, o cociñeiro bandeira do territorio, Brais Pichel, do Restaurante Terra, amosará como os produtos da pesca artesanal poden converterse nun dos maiores reclamos do territorio, complementario á súa riqueza natural.
Temporada de Mar consiste nunha rede de establecementos turísticos que ofrecen menús centrados en produtos locais de calidade, con especial énfase en peixes e mariscos procedentes da zona. Participan tamén empresas e institucións que ofrecen actividades complementarias para os visitantes que se achegan ao territorio. Pódese consultar toda a información na páxina https://temporadademar.org/.