Fisterra decide pasar o seu famoso Martes de Entroido para o sábado

A praza da Constitucion ateigada para o Entroido de Fisterra en 2013, o último ano que se fixo ao aire libre o Concurso de Comparsas

É o Martes de Entroido de Fisterra unha referencia en toda Galicia. Pero o propio pobo fisterrán vén de decidir cambiar o famoso Concurso de Comparsas para o Sábado de entroido, despois de máis de 25 anos celebrándose en martes.

Así o decidiron nunha reunión celebrada esta fin de semana. Unha reunión aberta organizada polo Concello, na que participaron representantes das 3 comparsas locais (e unha infantil), a comparsa de Gures, e xentes da queima de polbo. Entre todos tomaron a decisión, por vontade popular, de cambiar o martes polo sábado para o concurso.

En todo caso, a concelleira de Cultura Teresa Fernández, sinala que "as propostas foron xurdindo, por demanda da xente, que quería que se fixese o sábado, pois o desfile ía cada vez a peor, e esa fin de semana quedaba algo pobre. Os acordos foron tomados entre todos, e en todo caso, o que imos facer é ampliar a programación, non reducila".

Dende a hostalería tamén vén con bos ollos este cambio, pois o martes a xente ao remate do concurso marchaba e en sábado poderá quedar a celebrar a festa na vila do Cristo.

Como será o Concurso de Comparsas?

Así, o sábado 6 de febreiro de 2016 celebrarase entón o Concurso de Comparsas no Pavillón, un asunto que trae menos polémica, pois a pesar de que na Praza da Constitución loce máis, a xente que traballa dentro das comparsas valoran que se faga dentro.

Vai ser Xurxo Souto o pregoeiro e animador do Concurso.

Ao remate do Concurso, se o tempo o permite, farase o desfile do pavillón á praza da Constitución, onde xa haberá un escenario para fae entrega dos premios.

Máis programación

O martes farase na Praza o Concurso Infantil, con comparsas tamén como novidade, e cunha actuación dun grupiño de música para o baile de disfraces.

No entroido pequeno do mércores farase máis grande a Queima do Polbo, despois da recuperación exitosa do ano pasado, e sairá a carroza do Concello cos recén recuperados Cabezudos

E durante a semana, como novidade, vaise facer unha exposición do Entroido de Fisterra, e xa están invitando á xente para que vaia aportando fotografíco, vídeo, traxes…

As Bases

Ademais, o Concello vén de publicar as bases. Os premios serán de 1.400€ para o gañador, 1.100 para o segundo premio e 800€ para o terceiro, e coma sempre, o resto de comparsas participantes recibirán unha axuda de 300€.

O prazo de inscrición das comparsas remata o 28 de xaneiro.

 

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).