Fisterra reedita a "Historia de Galicia" de Ramón Marcote
O concello de Fisterra e a Biblioteca da Fisterranía, coa colaboración da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, van presentar este sábado, día 30 de maio, a edición facsimilar do libro Historia de Galicia. Compendio, publicado orixinariamente por Ramón Marcote en 1925 na cidade de La Habana, en Cuba.
Coa reedición desta importante obra literaria, que coincide co centenario da súa publicación, o concello de Fisterra quere render tributo a unha das grandes figuras da cultura galega na emigración, Ramón Marcote Miñarzo, histórico bibliotecario do Centro Galego da Habana, defensor da teoría do Colón Galego que estes días volve estar de rigorosa actualidade e un dos impulsores da Asociación Iniciadora e Protectora da RAG, que deu lugar posteriormente á fundación da Real Academia Galega en 1906.
O recoñecemento e posta en valor da figura de Ramón Marcote coma un dos grandes intelectuais da cultura galega da primeira metade do século XX era unha débeda histórica que os fisterráns tiñamos con el e co seu inxente legado cultural. Agora, coa publicación desta
edición conmemorativa da Historia de Galicia, poñémoslle o broche de ouro á súa produción literaria, unha vez recuperada xa en 2023 a súa Obra en prosa pola Biblioteca da Fisterranía nunha edición ao coidado de Modesto Fraga.
No acto de presentación oficial da edición facsímile de Historia de Galicia. Compendio intervirán o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo Suárez, o presidente da Asociación Colón Galego, Eduardo Esteban Meruéndano, a sobriña neta de Ramón Marcote, Rocío Marcote Canosa, o escritor Modesto Fraga e o alcalde de Fisterra, Luis Insua Lago.
O evento vai ter lugar este sábado, día 30 de maio, no Mercado Cultural a partir das 12:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
Todas as persoas asistentes á sesión recibirán de agasallo un exemplar da edición
Máis novas