Fisterra reedita a "Historia de Galicia" de Ramón Marcote
O concello de Fisterra e a Biblioteca da Fisterranía, coa colaboración da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, van presentar este sábado, día 30 de maio, a edición facsimilar do libro Historia de Galicia. Compendio, publicado orixinariamente por Ramón Marcote en 1925 na cidade de La Habana, en Cuba.
Coa reedición desta importante obra literaria, que coincide co centenario da súa publicación, o concello de Fisterra quere render tributo a unha das grandes figuras da cultura galega na emigración, Ramón Marcote Miñarzo, histórico bibliotecario do Centro Galego da Habana, defensor da teoría do Colón Galego que estes días volve estar de rigorosa actualidade e un dos impulsores da Asociación Iniciadora e Protectora da RAG, que deu lugar posteriormente á fundación da Real Academia Galega en 1906.
O recoñecemento e posta en valor da figura de Ramón Marcote coma un dos grandes intelectuais da cultura galega da primeira metade do século XX era unha débeda histórica que os fisterráns tiñamos con el e co seu inxente legado cultural. Agora, coa publicación desta
edición conmemorativa da Historia de Galicia, poñémoslle o broche de ouro á súa produción literaria, unha vez recuperada xa en 2023 a súa Obra en prosa pola Biblioteca da Fisterranía nunha edición ao coidado de Modesto Fraga.
No acto de presentación oficial da edición facsímile de Historia de Galicia. Compendio intervirán o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo Suárez, o presidente da Asociación Colón Galego, Eduardo Esteban Meruéndano, a sobriña neta de Ramón Marcote, Rocío Marcote Canosa, o escritor Modesto Fraga e o alcalde de Fisterra, Luis Insua Lago.
O evento vai ter lugar este sábado, día 30 de maio, no Mercado Cultural a partir das 12:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
Todas as persoas asistentes á sesión recibirán de agasallo un exemplar da edición
Ramón Marcote
Ramón Marcote Miñarzo, nado en Sardiñeiro en 1880 no seo dunha humilde familia de labregos, emigrou a Cuba recén cumpridos os dezaoito anos e, malia a súa formación autodidacta, axiña se converterá nunha das figuras máis destacadas da colectividade emigrante. En 1905 é nomeado bibliotecario do Moi Ilustre Centro Gallego de La Habana, cargo que ostentará durante case cincuenta anos ata a súa morte.
Amigo persoal de Manuel Curros Enríquez, entra en contacto con outras personalidades culturais da época e participa na fundación da Real Academia Galega (1906) como membro da Asociación Iniciadora e Protectora da RAG.
Grande activista cultural, publica numerosos artigos na prensa e en revistas da época como "Vida Gallega", "Galicia", "Eco de Galicia", Cultura Gallega" ou "Heraldo de Galicia".
Amigo persoal e grande admirador da obra do historiador Celso García de la Riega, co andar dos anos converterase nun dos meirandes divulgadores da tese do Colón Galego, impulsada a finais do século XIX polo polígrafo pontevedrés. Con esa finalidade, en 1920, bota a andar na cidade da Habana o Comité Pro Colón Español.
A partir deste momento, e co ánimo de defender e difundir esta tese, funda novos comités en América Latina, Europa e España, ao tempo que se implica nas actividades sociais impulsadas pola A.B.C Hijos del Partido de Corcubión, fundando a súa filial na Habana e xestionando as axudas para a construción das escolas do rural na Costa da Morte: Suarriba e Sardiñeiro, en Fisterra, Estorde, en Cee, Nemiña, en Muxía e Pasarela, en Vimianzo. O activismo social e o prestixio intelectual de que gozaba Ramón Marcote era tan grande que, en 1925, na súa única visita realizada a Galicia, foi homenaxeado pola flor e nata da cultura galega nun emotivo acto celebrado no "Kiosko Alfonso" da Coruña e ao que asistiron Ramón Otero Pedrayo, Noriega Varela, Ánxel Casal, Antón Vilar Ponte e Leandro Carré Aldao, entre outros.
Máis novas

