Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Ramón Marcote protagoniza o segundo volume da Biblioteca da Fisterranía

Libro Ramon Marcote Obra en Prosa Biblioteca da Fisterrania
Ramón Marcote protagoniza o segundo volume da Biblioteca da Fisterranía

Cando se cumpren dous anos da edición da Obra selecta de Francisco Esmorís Recamán, a Biblioteca da fisterranía vén de publicar o segundo volume da colección, neste caso dedicado a Ramón Marcote, histórico bibliotecario do Centro Galego da Habana e un dos principais impulsores, xunto a Celso García de la Riega, da tese do Colón galego.

O autor non é outro que o responsable da propioa BdF, Modesto Fraga, que salda “unha débeda histórica cun dos referentes intelectuais fisterráns que permanecía no máis absoluto ostracismo, Ramón Marcote Miñarzo, histórico bibliotecario do Centro Galego da Habana e un dos impulsores da tese do Colón galego”.

Ramón Marcote

Modesto descúbrenos un pouco mellor a Ramón:
Ramón Marcote Miñarzo naceu na parroquia de Sardiñeiro (Fisterra) o 30 de marzo de 1880. De formación autodidacta, con apenas dezaoito anos de idade emigra a Cuba a bordo do vapor Reina María Cristina da Compañía Transatlántica Española. En 1905 toma posesión do seu cargo de bibliotecario do Moi Ilustre Centro Galego da Habana, a principal institución da cultura galega en América, onde se interpretou por primeira vez o Himno de Galicia e izou a súa bandeira, desempeñando o cargo de maneira ininterrompida ata a súa morte acaecida en 1955.
A obra de Ramón Marcote amósanos unha figura tremendamente preocupada polos problemas de Galicia, pola ausencia de progreso e polo histórico abandono que padece a terra que o viu nacer. Non dubida en apoiar e impulsar iniciativas tan loables como a escolarización, a creación de escolas no rural, o intercambio cultural entre a colonia galega e a intelectualidade do país, a creación da RAG, da Biblioteca América; as numerosas subscricións para levar a cabo a construción dos monumentos a Rosalía, Curros e, cómo non, a Fernando Blanco de Lema, na súa vila de Cee.

Ramón Marcote é autor dunha exitosa Historia de Galicia. Compendio, publicada en 1924 e reeditada un ano despois, en 1925. Porén, neste primeiro volume da súa obra (haberá un segundo o vindeiro ano), recollemos fundamentalmente a súa interesante obra articulística, publicada en revistas e xornais desde 1917 ata 1945. Por suposto non podían faltar nesta primeira entrega os seus libros Colón pontevedrés (1920), onde defende con inusitado entusiasmo a orixe galega do ilustre navegante, e Contra España, no (1928), obra premiada na Exposición Iberoamericana de Sevilla.

En breve imos levar a cabo varias presentacións do volume en Fisterra, Sardiñeiro, Compostela e no Museo de Pontevedra. Non podemos esquecer que foi precisamente Ramón Marcote quen fundou en 1920 o Comité Pro Colón Español, aínda hoxe en activo, entidade que está a levar a cabo nestes momentos unha investigación científica para descifrar se os restos óseos atopados en Sobrán e Poio coinciden cos restos do descubridor e do seu fillo. De ser así, cen anos despois a historia faría xustiza con este fisterrán que sempre, contra vento e marea, defendeu a capa e a espada a orixe galega do conquistador de América.

Seguinte proposta

O seguinte autor a recuperar pola Biblioteca da fisterranía será o crego-poeta de Duio (Fisterra) Matías Escaríz, un prolífico autor que espallou a súa obra en xornais e revistas na primeira metade do século XX pero que aínda figura no limbo dos esquecidos. Outros coma Desiderio Paz Figueroa, considerado o pai do entroido fisterrán, o capitán Traba ou Casto M. Ínsua verán tamén moi pronto recuperada a súa obra na Biblioteca da fisterranía.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios