O voluntariado acodiu masivamente á limpeza da praia do Rostro

Espectacular resposta a que realizou a veciñanza de Fisterra á chamada de Mar de Fábula para limpar a praia do Rostro. Case 70 persoas voluntarias (incluída a rexedora) asistiron a chamada para coidar este máxico areal, demostrando a concienciación da veciñanza da comarca ca problemática da contaminación mariña das súas praias. De feito, entre toda prepararon unha lista de areais onde poder actuar.

O voluntariado recolleu máis de 20 sacos de 100 litros, que deixaron ben estibados ao longo da praia para a posterior recollida dos operarios do concello. Debido ás características da limpeza, non foi posible a triaxe do lixo, pero destacan que a gran maioría, son os refugallos típicos da Costa da Morte: residuos da actividade pesqueira e da actividade marítima do corredor de Fisterra, botellas, envases i embalaxes, en todos os idiomas, moitos paos das bateas de mexillón, etc.. mesmo atoparon chapapote.

Durante as explicacións volveron facer fincapé na necesidade de reducir o consumo, de consumir de maneira responsable, porque “o mellor residuo é o que non se xenera”.

Máis novas