O eurodeputado Nicolás González Casares recoñece a labor de Mar de Fábula na loita contra a contaminación dos cruceiros

Recibía onte unha visita internacional a familia de Mar de Fábula en Camelle. Apenas un par de días despois da limpeza da praia dos Muíños, eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, quixo achegarse ao espazo da entidade para falar co seu responsable, Xosé Manuel Barros, en clave de contaminación mariña.
En realidade, o encontro dase a petición do propio Barros, coa mediación de Marisol Soneira, para pedirlle, como xa fixo con Ana Miranda, aos eurodiputados galegos que defendan en Bruxelas a actualización do Convenio Marpol Anexo IV para que a UE prohíba a descarga das augas negras dos barcos (en particular dos cruceiros) directamente no mar, sen depurar máis aló das 12 millas da Costa en augas europeas.
O Comité Español da IUCN (o Ceida) e Mar de Fabula levan 7 anos traballando por este obxectivo para que a Organización Marítima Internacional (IMO) prohíba estas descargas pero xa en todos os mares e océanos do planeta. De aí a importancia de que a Unión Europea se comprometa.
A resposta do socialista foi moi positiva, recoñecendo que se trata dun dos principais retos ambientais que afectan ás costas galegas. Nesta liña, o eurodeputado comprometeuse a impulsar accións que reforcen a normativa europea, esixindo medidas máis estritas para o control das descargas das augas negras dos buques de carga e dos cruceiros.
O corredor marítimo de Fisterra, polo que transitan miles de barcos cada ano, representa outro dos puntos críticos en termos de risco ambiental. “Se non se implementan medidas de control e regulación máis estritas, este intensivo tráfico podería constituír unha fonte significativa de contaminación para as rías e demais espazos naturais da zona”, alertou o eurodeputado.
Tras coñecer en profundidade o traballo de Mar de Fábula, González Casares destacou a importancia de entidades como esta na denuncia e concienciación sobre a crise ambiental mariña. “O seu labor é fundamental para comprender as carencias da lexislación actual e avanzar cara a unha protección efectiva do noso medio mariño”, sinalou.
Máis novas