Así arrincou a IV Copa da Costa Feminina
- Os cadros actualizados en tempo real en copadacosta.

Ademais da espectacular xornada de Cuartos na Copa Masculina, a xornada festiva deste mércores 1 de maio tamén acollía o comezo da IV Copa da Costa Feminina. Unha competición que aínda non ten as datas pechadas e que viviu unha situación tremendamente ridícula para o equipo das Miúdas, que tiveron que ausentarse dun partido de Liga, aprazado na xornada 24, pola coincidencia das datas…
No deportivo, a xornada tiña o foco posto en Fontenla, onde se enfrontaban os dous equipos favoritos, Xallas e Cee. Adiantábase o Cee moi pronto, aos 5 minutos, por medio de Martínez, e facía unha gran primeira metade. Pero o Xallas comezaba a segunda impoñendo o seu ritmo e aproveitando o seu máis profundoi fondo de armario foi levando o partido ao seu terreo, para acabar remontando.
Nese mesmo lado do cadro, o Mazaricos dou conta da súa superiorade ante o Outes e venceu por 0-5, cos tantos de Lúa, Claudia, Mariña, e María Senra (2).
Ponteceso superou ao Cerqueda

Demostrou o Ponteceso o seu bo momento neste treito final da temporada vencendo tamén ao Cerqueda na Copa. E iso que no m.6 xa se adiantaban as visitantes. Pero non tardaron as Curro en meterse a fondo no choque e pronto sería Claudia a que, tras un saque en largo de Colores, anotaría o empate deixando o partido como ao principio.
O partido continuou moi igualado ata que pasada a hora de partido Myre poñería o 1-2 aproveitando varios rexeitamentos na área dando un pouco máis de tranquilidade ás pontecesás. O Cerqueda subíu liñas, tendo varias ocasións, pero á contra Muíño e Andrea sentenciaban o choque.
O Camariñas asaltou Arliña
Deu unha relativa sorpresa o Camariñas en Arliña, superando a un Muxía que está facendo un papel máis completo na Liga. Pero as camariñás demostraron a súa espoectacular melloría nesta primeira temporada da súa historia (tamén as muxiás se estrearon este ano, hai que recordalo), vencendo 1-2 en Arliña.
Dominarona primeira as de Cabrejo e Pepucho, e conseguiron adiantarse con dous tantos a balón parado de Nuria, un de gol olímpico e outro de falta directa. Puido marcar o terceiro, pero o colexiado o anulaba.
Cambiou o conto na segunda, co Muxía apretando moito máis. Tivo un penalti a 5 do final o cadro local para meterse no partido pero só no desconto, Raquel era a única capaz de traspasar a defensa camariñá e recurtar, sen tempo para buscar o empate.
O Dumbría puido coas Miúdas
Plantábase o cadro das Miúdas no Conco tras ter que renunciar a xogar un partido de Liga, e comezaban moi mentalizadas, impedindo que as dumbriesas tivesen fluidez co balón. Non había moitas ocasións ata que Laura abría o marcador pasada a media hora de partido.
Saíron máis centradas as locais na segunda, sendo capaces de dominar a posesión e na presión para recuperar o balón, e comezaron a gañar os duelos que as muradás gañaban na primeira metade. Pero a defensa das de Sil seguía moi firme, sen permitir ocasións. Foi Paula Fandiño o que facía o segundo aos 10 minutos da segunda, pero o marcador non se movería máis, a pesar das intentonas de unhas e outras.

O Corcubión puido co Fisterra
Un solitario gol de penalti, transformado por Trini, nada máis volver do descanso deu o pase ao Corcubión no fermoso e igualado derbi entre Corcubión e Fisterra. Foi un choque de ocasións nas dúas áreas, pero desta volta as dianteiras non tiveron a puntería afinada.