O Dumbría precisou dos penaltis para alzarse co título de campión da Copa da Costa 2024

Dumbría CF Campion da Copa da Costa 2024-Foto-Jorge Castro
O Dumbría CF celebrando o título de Campión da Copa da Costa 2024-Foto-Jorge Castro

Completouse o gran día do Fútbol da Costa coa festa da final LIX Copa da Costa masculina. Se pola mañá o Xallas alzábase co título de Campionas, o campo de Arliña (Muxía) acollía a finalísima masculina entre Dumbría e Porteño. Un choque cun gran favorito, un Dumbría que xoga nunha categoría superior e moito máis acostumado a estas lides (ten 4 títulos copeiros); fronte a un Porteño, recén ascendido, que xa se meteu na Fase de Ascenso á 1ª  que disputaba a súa segunda final da Copa da Costa da historia (gañou a o seu único título no 1973).

Fixéronse bos os pronósticos, pero tivo que chegar aos penaltis o Dumbría, para superar a un aguerrido Porteño, e sumar o seu 5º título no palmarés da Copa da Costa.
Con todo, o temporadón do cadro da Ponte é espectacular, e así o celebrou a parroquia camariñá, como un fito histórico.

Colas na porta dende as 15:30h (o partido arrincaba ás 17:00h) demostran o potencial do noso Fútbol da Costa, deixando unha estampa preciosa, con preto de 2.000 persoas enchendo un dos campos simbólicos da Costa da Morte, o campo de Arliña, onde se funden o mar e o fútbol. Cómpre ademais poñer en valor o traballo da directiva do CF Muxía, a Rfgf e do Concello, nomeadamente o edil de Deportes e Directivo do club Felipe Vilela, que organizaban por primeira vez en Arliña a final da Copa, co maior éxito.

2.000 persoas en Arliña na final da Copa da Costa 2024
Afección do Porteño na Arliña
Afección do Dumbría enchendo de branco a bancada natural de Arliña

Porteño - Dumbría (1-1)

Plantel do Porteño
  • Porteño: Mariolo; Darío, Pejo, Brais Mouzo, Rodrigo, Mayor, Saviola, Nico, Joseba; Chipi e Alan. Tamén: Manoliño, Jairo, Ángel Quintana, Miguel, Vicente, Sergio, Pablo Rolo.
Plantel do Dumbría
  • Dumbría: Anxo, Dani Chao, Alex Sánchez, Pablo Paz, Kanario, Mataso; Baba, Brais, Lucas Toba, Raúl e Miller. Tamén: Carlos, Alex Sendón, Rivi, Cuqui, Gabi, Adrián Periscal, Antón.
  • Goles: 1-0, m.12: Miller de cabeza a un centro perfecto de Dani Chao; 1-1, m.24: Mayor dende 40 metros sorprendendo a Anxo.
Colexiados e capis na 11 do Porteno na Final da Copa da Costa de Arlina

Comezaba o choque co equipo de Pablo Conde, a pesar de xogar contra vento, moi enriba demostrando un punto de superioridade física, e en apenas 5 minutos xa tivo un remate e unha internada, ambas de Miller.

Os de Cousillas e Javi Baña sacudíanse o dominio sacando contras, e intentando aproveitar as xogadas a balón, como un córner directo de Mayor que lambía o longueiro. Estaba facendo dano a locomotora de Dani Chao pola banda dereita, e dun centrazo seu saía o primeiro tanto cun certero e preciso remate de cabeza de Miller.

Darío

Cando parecía que o partido se decantaba polo enquipo dumbriés, o Porteño comezou a carburar no medio campo, con dous veteranos como Darío e Mayor incidindo. E nun balón medio morto no medio campo, Mayor cazaba e sorprendía dende 40 metros a Anxo.

A primeira metade remataba moi igualada, co Porteño prantando cara a todo un Dumbría, onde Lucas Toba deixaba os detalles de calidade.

Baba dando un pase

Arrincaba a segunda metade e os da Ponte non se amilanaba, chegando cun fermoso balón cruzado ao que respondía cun paeradón Anxo Lema. Na áerea contraria, unha combinación de Raúl e Dani Chao obrigaba a Jose Mariolo demostrar por que tamén é un dos mellores porteiros da temporada. Pouco despois, unha contra levada Kanario era rematada por Miller, pero o seu tiro saía demasiado cruzado.

O Dumbría comezaba a facer valer o seu poderío físico, e comezaba a chegar con máis claridade. Corría o m.70 cando un centro de Mataso era rematado por Miller, pero volvía aparecer Jose Mariolo co paradón da tarde, e o remate posterior de Raúl era anulado por fóra de xogo.

Eran os mellores minutos do Dumbría e parecía que quedaban 20 minutos de dominio dumbriés, pero o Porteño foi quen de baixar o ritmo, e mesmo levar o balón a área contraria. Así, sen grandes ocasións se chegaba á prórroga. Parecía que a directiva do Muxía o tiña todo todo pensado, para poder gozarmos do solpor dende Arliña.

Foto-Jorge Castro

Dominou o Dumbría a prórroga, entrando co avión de Dani Chao pola banda, ante un Porteño, moi firme atrás, e un Chipi demasiado só arriba. Acababa a primeira metade da prórroga antes de que o Porteño puidese botar o seu primeiro córner, ante os berros de "Corrupción na Federación" da combativa afección da Ponte.

Aguantou o Porteño tamén na segunda parte como puido a pesar da cada vez máis flagrante superioridade física do Dumbría, que metía xuvenís como Goyes, ou Cuqui, que facía estirarse de novo a Mariolo cun tiro raso a 5 do final. E remataban os 120 minutos, agora xusto antes dun saque de banda en área do Porteño. Tocaba a lotaría dos penaltis.

O Dumbría fixo pleno, 5 de 5, pero Manoliño fallou o 3º para o Porteño, sendo Kanario o que facía o definitivo tanto que daba o título ao Dumbría. A afección invadía o campo para celebralo.

Máis novas