O interrogatorio de Leis con Silvia Cancela

Silvia Cancela nunha das galas de QPC
Silvia Cancela nunha das galas de QPC
Arrincamos nova sección de entrevistas vinculadas co Fútbol da Costa da man Óscar Leis. E facémolo con Silvia Cancela, que ademais de Concelleira de Deportes no Concello de Santa Comba é membro da xunta directiva da Real Federación Galega de Fútbol e a voz no fútbol costeiro na entidade.

O Quecemento

  • Óscar Leis: Bos días Silvia, ante todo moitas gracias por dedicarnos este tempo, que coñecéndotre, sabemos que non te sobra. Cóntanos, como é un día normal na túa vida? Chéganche as horas?

Silvia Cancela: Teño a sorte de traballar en algo que me encanta como é o mundo do deporte dentro da política. E ademais na miña gran paixón que é o fútbol, onde trato de ser o vínculo entre os clubs e a Federación. Pero non, a verdade é que non me chegan as horas pero disfruto do que fago.

  • O.L.: Dicía un señor de Lariño que de fútbol e política sabe todo o mundo. Ti que estás nas dúas frontes, cres que é así?

Aparentemente si, porque as dúas cousas están no noso día a día moi presentes xa que nos medios de comunicación tanto o fútbol como a política ocupan moito tempo, pero cando estás dentro percátaste de que non é tan fácil como se ve dende fóra; desde dentro todo é diferente.

 

O Partido

  • Ó.L.: A min a política (de momento) non me tira así que se che parece ben, imos ao Fútbol.

1º Tempo

  • Ó.L.: Es á portavoz pero cal é o teu cometido dentro da Real Federación Galega de Fútbol?

Veño do fútbol afeccionado e o que trato de que mostrar é ese fútbol na federación, que entendan as súas peculiaridades, as dificultades que pasan as directivas para sacar os clubs adiante por exemplo. Trato de ser o nexo de unión entre clubs modestos e a federación, todo iso ñe importante que se teña coñecemento na Federación á hora de tomar decisións.

  • O.L.: Agora que levas un tempo dentro da Federación, e iso implica estar no día a día do fútbol por toda Galicia, que percepción hai do Fútbol da Costa no resto de Galicia?

Podo dicirche Óscar, e ti o sabes tamén, que o Fútbol da Costa é envexado en toda Galicia. Unha envexa sana da paixón que lle pomos na Costa ao fútbol. Teño mil anécdotas de xente que alucina cas Finais de fútbol base e feminino, onde as bancadas están cheas de xente. Ou por suposto da final senior, a nosa Copa da Costa é envexada en todas partes.

  • O.L.: Iván Cancela, Manolo Corredoira e Silvia Cancela, xente da Costa na Futgal, realizando un gran traballo. Medrará a representación costeira?

Estamos inmersos nun proceso electoral e polo tanto todo vai con máis calma e cautela, oxalá poida incrementarse a nosa presencia na Futgal, onde tamén teño que dicir que a representación como asambleistas dos clubs costeiros é importante sobre todo tendo en conta que somos unha subdelegación.

  • O.L.: Tamén vivistes o día a día dun club como directiva. Que futuro lle ves o noso fútbol costeiro e que cres que deberíamos mellorar?

Estamos medrando en todos os sentidos, na formación por exemplo, o crecemento é constante. Penso que xa ocupamos un lugar importante no mapa fútbolistico de Galicia pero evidentemente queda camiño por percorrer para seguir mellorando e crecendo.
O que si me preocupa que as directivas nalgúns casos están formadas por poucos membros e incluso algunhas de ellas con moitos anos de traballo ás costas. Necesítase máis xente nova que axude a seguir impulsando os clubs e neste caso tamen os equipos femininos.

  • O.L.: Se non estou errado, esta campaña que comezou pode ser das máis frutíferas en canto a equipos de base e sobre todo no feminino, non?

É certo, medran tanto a base como o fútbol feminino. Gozamos de boa saúde, e tanto nun como o outro froito do traballo da xente do fútbol costeiro. É un orgullo ver como medran tanto un como o outro.

 

2º tempo

  • O.L.: O crecemento do fútbol feminino é palpable, e aínda que queda camiño por percorrer, por onde pasa o seu futuro?

Como che dixen antes, medra e vai seguir nesa liña. Pero sería importante sobre todo no fútbol feminino ir con calma, avanzar, dar pequenos pasos pero seguros para poder asentar o fútbol feminino e seguir tratando de que medre. Entre todos, clubs e Federación imolo asentar e darlle un futuro sostenible. femenino

  • O.L.: Que che fai sentir este crecemento do fútbol feminino?

É algo que me enorgullece e me alegra moitisimo. Cada vez mais clubs optan por crecer en este aspecto e faime sentir feliz.

  • O.L.: Eu son un namorado do Fútbol Base. Que equipos como o Celta, Depor, Lugo… viñesen á Costa a competir nas Ligas Galegas e mesmo en División de Honra Cadete, foi algo que nos achegou ás grandes cidades futbolísticamente falando; ao igual que o gran traballo realizado coas Seleccións da Costa sub12 e sub14. Pensas que sería posible dar outro salto e seguir recurtando a distancia con outras zonas de Galicia?

Claro que si, con traballo e paixón lograrémolo, a pesar das nosas limitacións en temas como a poboación con respecto a outras zonas; pero estou seguro de que entre todos seguiremos dando guerra e competindo cara a cara con todos. O apoio da Federación estara sempre aí para que vaiamos da man.

  • O.L.: No tempo que levas na Federación, cal foi o mellor e o peor momento?

O peor momento foi durante a pandemia sen lugar a dúbidas. Foron momentos durísimos en todos os sentidos, houbo que tomar decisións moi complicadas, reunións interminables na procura de solucións…
E o mellor momento no persoal foi cando recibín a chamada de Rafael Louzán para que me incorporase. O meu soño sempre foi traballar para o fútbol galego pois é a miña paixón. A nivel deportivo moitos bos momentos, como os triunfos das Seleccións de base e de fútbol sala. Gardo na mente recordos marabillosos e por suposto a Selección do noso Iván Cancela que nos fixeron moi felices.

 

A prórroga

  • O.L.: Dende a chegada de Louzán e a súa Xunta Directiva, a Costa estivo moi presente na Futgal. Eu, e iso é opinión persoal, penso que si lle deu moito valor ao fútbol costeiro, pero agora estamos nun momento de estancamento na relación Costa&Futgal. Concordas comigo? (non creo… jajaja)

Acertas, jajaja. Non estou de acordo contigo, pero explícome. Pode que de cara a fóra dea esa sensación de estancamento. Certo é que tras o paso do covid costa atopar o ritmo anterior a pandemia pero asegúroche que internamente estamos a traballar en proxectos importantes pero que levan o seu ritmo, e eu na miña función sigo a estar presente no día a día dos clubs e sempre estou á súa disposición, son cercana pero tamén seria e rigurosa.

  • O.L.: Como che gustaría que dende os clubs visen a FUTGAL? Explícome, ás veces aínda dá a sensación de aquelo de “ca Federación hai que levarse ben, oh” está moi presente. Non debería ser máis fluída a relación entre Federación e clubs? non ter medo á crítica por quen a fai, sempre que sexa construtiva, nin por quen a reciba? Penso que así medraríamos máis e da man, a verdade.

Penso que a relación é moi fluída, como dixen antes procuramos estar preto dos clubs, e os clubs teñen na súa man mostrar calquera inquedanza nas reunións periódicas que facemos con eles sen ningún tipo de problema. Sempre que se faga desde o respecto, a critica construtiva sempre hai que escoitala e como dixen antes ir da man para que todo vaia crecendo e mellorando. Insisto, é importante acudir ás reunións e tratar os temas que nos preocupen.

  • O.L.: Non son obxectivo porque na miña cabeza está sempre que o Fútbol da Costa medre e evidentemente vos traballades para o Fútbol de toda Galicia. Pero hai en mente na Futgal algún proxecto para a Costa?

Na nosa mente sempre está o facer cousas, e na Federación a Costa está moi presente, pero todos os proxectos levan o seu tempo e o seu ritmo. Proximamente faremos un congreso onde queremos recoller todas as inquedanzas e propostas que sexan beneficiosa para o fútbol e por suposto para a Costa tamén.

 

Os Penaltis

  • 1º Un/ha porteiro/a : MJ.
  • 2º Un/ha defensa : Laura Caamaño.
  • 3º Un/ha centrocampista: Sandelo.
  • 4º Un/ha dianteiro/a: MC / Yasmina.
  • 5º Un/ha adestrador/a : Para min sempre será Iván Cancela, pero deixando a el un lado vou dicir os campións de Copa, Juan Porrúa e Juan Cabrejo.
 
  • Entrevista realizada por Óscar Leis.

 

Outras entrevistas en QPC: Os traballadores na sombra