#PreviaQPC Fin do estado de alarma!

Celebración dun gol das Miúdas (2017)

Por primeira vez en vinte meses podemos facer xa unha previa totalmente completa da fin de semana. Coa Liga da Costa e a Terceira, coa Segunda Galega femenina e, tamén, co regreso do Villa de Cee ás pistas.

Tras un ano e medio con milleiros de afeccionados pendentes de cando sería o día de volver por completo ao noso fútbol de sempre, podemos dicir que, por fin, xa é o momento. Volta a normalidade en canto ás previas se refire, cunha chea de partidos e equipos que volven á competición logo do parón provocado pola pandemia. Especial sobre todo para os da Liga da Costa e Terceira, que non tiveron nin a opción de comezar o ano pasado. Tamén para o Villa de Cee, que rexeitou esa posibilidade pola situación sanitaria que vivíamos ou para os novos conxuntos, como Oza, Pereiriña, Xallas B, Xallas feminino e Mazaricos feminino.

3ªRFEF e Preferente

Difícil praza a que ten para tourear o Sofán co obxectivo de deter a mala xeira na que está inmerso con catro derrotas consecutivas. Os de Alberto visitan Abegondo para medirse a un Fabril (Domingo, 17:00) que contará con algúns dos heroes da Youth League e que está nos postos altos da táboa.

Un cambio de rumbo buscan tamén en preferente. A SD Fisterra porque vén de deter esa gloriosa marcha que levaba e que buscará recuperar agora ante o Dubra ((Sábado, 17:30 – Arasolis), que está agora mesmo empatado a puntos cos da fin do mundo. E o Xallas, porque necesita encadear un par de bos resultados consecutivos, para o que terá que medirse ao Pino (Domingo, 12:00 – Fontenla), que ven de quitarlle o invicto aos de Juan Purrúa.

1ª Galicia

Ata tres derbis temos esta fin de semana nunha das categorías máis fermosas que se recordan. O Mazaricos – Baio (Domingo 12:00 –  Pino do Val) será o segundo partido retransmitido por QPCtv, onde os locais buscarán sumar os primeiros puntos e os visitantes volver a ter esa eficacia que lles fixo gañar na primeira xornada. No Soneira – Ponteceso (Domingo, 12:00 – Municipal de Vimianzo), hai baixas para ambos que poden xogar un papel importante nun choque no que os dous conxuntos buscarán a primeira vitoria.

Por outra banda, no Dumbría-Corme (Domingo, 17:00 – O Conco) brancos e azuis aspiran a confirmar as boas sensacións deixadas na primeira xornada. Ademais, o Volantes, vítima dos dumbrieses hai unha semana, visita As Cancelas para medirse ao Belvís (Domingo, 16:30 – As Cancelas).

Liga da Costa

Volve a nosa liga por antonomasia despois de máis tempo parada do que nunca nos puidemos imaxinar. O fai dividida en dous grupos, pero cunha tarde de domingo chea de grandes partidos e renovados aspirantes. No subgrupo 1A, os dous grandes aspirantes comezan distinto. O Muxía recibe ó Outes (Domingo, 17:00 – Arliña) e a Esteirana visita Louro (Domingo, 18:00 – Agra da Filgueira).  O prometedor Cee debuta na casa ante o Lira (Domingo, 16:00 - San Paio dos Refoxos), e o Muros se enfrontará ao Baiñas (Domingo, 17:00 – Eleuterio Balayo).

No subgrupo B, Coristanco e Castriz comezan a súa ilusionante andaina de visitantes, ante Cerqueda (Domingo, 18:00 – Xaviña) e Nantón (Domingo, 16:30 – As Fontiñas), respectivamente. San Lorenzo – Cabana (Domingo, 16:30 – As Pedreiras) e Sp Zas – Buño (Domingo, 17:00 – San Andrés) completan unha xornada na que descansa o Malpica.

3ª Galicia

Nesta renovada terceira que é toda unha incógnita ata que se bote a rodar o balón, moitos ollos estarán postos no Laxe – Corcubión (Sábado, 17:30 – Municipal de Laxe), no que se medirán dous dos candidatos. Ademais, estréanse equipos no Castrelo – Pereiriña (Sábado, 16:30 – Municipal de Vimianzo) e no Xallas B-Oza (Sábado, 17:30 – A Fontenla). Para completar a xornada do sábado, o Seaia visita Camelle (Sábado, 17:00 – O Rodeiro). E xa para o domingo queda o Porteño – Ameixenda (Domingo, 17:00 – A Grisa).

Fútbol Feminino

Elas tamén volven xa ao completo logo de poder competir o ano pasado. Na 1ª Galega, o Bergantiños buscará seguir co seu espectacular comezo ante un dos históricos da categoría, o Orzán (Domingo, 16:00, A Torre). Ademais, comeza xa a 2ª Galega, na que este ano teremos catro equipos no grupo 3, pese a que o Cee descansa nesta primeira xornada. Teremos derbi de debutantes entre Cerqueda e As Miúdas (Domingo, 12:30 – Xaviña), mentres que as debutantes do Xallas estréanse Santa Isabel para enfrontarse ao Victoria FC.

Futsal

Regresa tamén á competición o Villa de Cee, e o fará na cuarta xornada de liga despois de que a maioría dos equipos de preferente decidisen esperar á modificación do protocolo. Visita Sarria para medirse ao Meigallos (Domingo, 12:00 – Sarria). Mentres tanto, logo de dúas derrotas consecutivas, o Fisober ten un difícil choque ante o Viaxes Amarelle B (Domingo, 19:30 – Sagrada Familia).

Voleibol

Logo da contundente derrota na primeira xornada da Superliga II, o Volei Dumbría estrearase como visitante esta tempada en Cáceres, onde visitará ao Extremadura Grupo Laura Otero – Miajadas (Sábado, 20:00) en busca da primeira vitoria.