#PreviaQPC Fin do estado de alarma!
Por primeira vez en vinte meses podemos facer xa unha previa totalmente completa da fin de semana. Coa Liga da Costa e a Terceira, coa Segunda Galega femenina e, tamén, co regreso do Villa de Cee ás pistas.
Tras un ano e medio con milleiros de afeccionados pendentes de cando sería o día de volver por completo ao noso fútbol de sempre, podemos dicir que, por fin, xa é o momento. Volta a normalidade en canto ás previas se refire, cunha chea de partidos e equipos que volven á competición logo do parón provocado pola pandemia. Especial sobre todo para os da Liga da Costa e Terceira, que non tiveron nin a opción de comezar o ano pasado. Tamén para o Villa de Cee, que rexeitou esa posibilidade pola situación sanitaria que vivíamos ou para os novos conxuntos, como Oza, Pereiriña, Xallas B, Xallas feminino e Mazaricos feminino.
3ªRFEF e Preferente
Difícil praza a que ten para tourear o Sofán co obxectivo de deter a mala xeira na que está inmerso con catro derrotas consecutivas. Os de Alberto visitan Abegondo para medirse a un Fabril (Domingo, 17:00) que contará con algúns dos heroes da Youth League e que está nos postos altos da táboa.
Un cambio de rumbo buscan tamén en preferente. A SD Fisterra porque vén de deter esa gloriosa marcha que levaba e que buscará recuperar agora ante o Dubra ((Sábado, 17:30 – Arasolis), que está agora mesmo empatado a puntos cos da fin do mundo. E o Xallas, porque necesita encadear un par de bos resultados consecutivos, para o que terá que medirse ao Pino (Domingo, 12:00 – Fontenla), que ven de quitarlle o invicto aos de Juan Purrúa.
1ª Galicia
Ata tres derbis temos esta fin de semana nunha das categorías máis fermosas que se recordan. O Mazaricos – Baio (Domingo 12:00 – Pino do Val) será o segundo partido retransmitido por QPCtv, onde os locais buscarán sumar os primeiros puntos e os visitantes volver a ter esa eficacia que lles fixo gañar na primeira xornada. No Soneira – Ponteceso (Domingo, 12:00 – Municipal de Vimianzo), hai baixas para ambos que poden xogar un papel importante nun choque no que os dous conxuntos buscarán a primeira vitoria.
Por outra banda, no Dumbría-Corme (Domingo, 17:00 – O Conco) brancos e azuis aspiran a confirmar as boas sensacións deixadas na primeira xornada. Ademais, o Volantes, vítima dos dumbrieses hai unha semana, visita As Cancelas para medirse ao Belvís (Domingo, 16:30 – As Cancelas).
Liga da Costa
Volve a nosa liga por antonomasia despois de máis tempo parada do que nunca nos puidemos imaxinar. O fai dividida en dous grupos, pero cunha tarde de domingo chea de grandes partidos e renovados aspirantes. No subgrupo 1A, os dous grandes aspirantes comezan distinto. O Muxía recibe ó Outes (Domingo, 17:00 – Arliña) e a Esteirana visita Louro (Domingo, 18:00 – Agra da Filgueira). O prometedor Cee debuta na casa ante o Lira (Domingo, 16:00 - San Paio dos Refoxos), e o Muros se enfrontará ao Baiñas (Domingo, 17:00 – Eleuterio Balayo).
No subgrupo B, Coristanco e Castriz comezan a súa ilusionante andaina de visitantes, ante Cerqueda (Domingo, 18:00 – Xaviña) e Nantón (Domingo, 16:30 – As Fontiñas), respectivamente. San Lorenzo – Cabana (Domingo, 16:30 – As Pedreiras) e Sp Zas – Buño (Domingo, 17:00 – San Andrés) completan unha xornada na que descansa o Malpica.
3ª Galicia
Nesta renovada terceira que é toda unha incógnita ata que se bote a rodar o balón, moitos ollos estarán postos no Laxe – Corcubión (Sábado, 17:30 – Municipal de Laxe), no que se medirán dous dos candidatos. Ademais, estréanse equipos no Castrelo – Pereiriña (Sábado, 16:30 – Municipal de Vimianzo) e no Xallas B-Oza (Sábado, 17:30 – A Fontenla). Para completar a xornada do sábado, o Seaia visita Camelle (Sábado, 17:00 – O Rodeiro). E xa para o domingo queda o Porteño – Ameixenda (Domingo, 17:00 – A Grisa).
Fútbol Feminino
Elas tamén volven xa ao completo logo de poder competir o ano pasado. Na 1ª Galega, o Bergantiños buscará seguir co seu espectacular comezo ante un dos históricos da categoría, o Orzán (Domingo, 16:00, A Torre). Ademais, comeza xa a 2ª Galega, na que este ano teremos catro equipos no grupo 3, pese a que o Cee descansa nesta primeira xornada. Teremos derbi de debutantes entre Cerqueda e As Miúdas (Domingo, 12:30 – Xaviña), mentres que as debutantes do Xallas estréanse Santa Isabel para enfrontarse ao Victoria FC.
Futsal
Regresa tamén á competición o Villa de Cee, e o fará na cuarta xornada de liga despois de que a maioría dos equipos de preferente decidisen esperar á modificación do protocolo. Visita Sarria para medirse ao Meigallos (Domingo, 12:00 – Sarria). Mentres tanto, logo de dúas derrotas consecutivas, o Fisober ten un difícil choque ante o Viaxes Amarelle B (Domingo, 19:30 – Sagrada Familia).
Voleibol
Logo da contundente derrota na primeira xornada da Superliga II, o Volei Dumbría estrearase como visitante esta tempada en Cáceres, onde visitará ao Extremadura Grupo Laura Otero – Miajadas (Sábado, 20:00) en busca da primeira vitoria.