#PreviaQPC A necesidade do Sofán, a boa xeira do Fisterra, a histórica volta da 1ª e moito máis

O Volantes recibirá ao Dumbría

Chega a primeira fin de semana repleta de encontros co retorno da 1ª Galicia, onde teremos competindo a sete equipos da Costa da Morte que vimos de analizar na guía previa da categoría. Unha semana que será histórica ademais polo debut de QPC tv no Cairo, retransmitindo en aberto o Corme – Soneira. Por outra banda, o Sofán intentará cortar a mala xeira ante un poderoso rival.

3ª RFEF

Un punto de inflexión é o que busca o Sofán ante o Ourense CF (Domingo, 17:00 – O Carral) despois de tres derrotas consecutivas e de non ter logrado aínda a vitoria tras seis xornadas. Para iso, volve ao Carral, onde teñen merecido máis en tódolos partidos pero onde só sacaron dous puntos de nove posibles. O Ourense CF, un dos favoritos da categoría, chega décimo na clasificación. Por parte dos locais, pasan moitas opcións por que Paulo manteña a súa espectacular xeira goleadora que o ten como segundo máximo artilleiro da categoría, con catro goles.

PREFERENTE

Fin de semana importante a que se asoma para os nosos equipos da preferente, ambos intentando consolidar ritmos distintos. A SD Fisterra, invicta e radiante, con 8 goles a favor e 0 en contra, visita a un gran equipo como O Pino (Domingo, 17:00 – Reboredo Arca), que no seu campo faise moi forte. Os de Juan Purrúa buscarán sumar a cuarta vitoria consecutiva para manter o liderato e, para iso, veñen de incorporar esta semana a Capelo, que volverá a vestirse de verde unha tempada máis.

Outra gran pedra terá que superar no seu camiño o Xallas ante o Boiro (Domingo, 17:30 – A Fontenla), un dos grandes cocos da categoría que ven con necesidades tras sumar só dous puntos de nove. Iso si, xa se enfrontou a outros tres favoritos como Paiosaco, Fisterra e Arteixo. Os de David González, pola súa parte veñen coa moral cargada despois da vitoria deste martes ante o Estudiantil, no partido aprazado da primeira xornada.

1ª GALICIA

Despois de case vinte meses parada, volve a 1ª Galicia cun formato máis atractivo que nunca, como vimos de analizar na completa guía da categoría. Tan atractivo que na primeira xornada xa temos dous derbis. O Volantes de Baño – Dumbría (Sábado, 18:00 – Eleuterio Balayo), no que os de Iván González porán o seu verdadeiro nivel a proba ante un dos favoritos, e o Corme – Soneira (Domingo, 17:05 – O Cairo), un choque de características similares no que os de Pedro Gómez buscarán comezar ben unha tempada con grandes aspiracións. Un encontro que será histórico, pois será o primeiro retransmitido na historia de QPC Tv.

Os outros tres equipos que temos na 1ª enfrontaranse a rivais da zona de Santiago. O Baio, aínda recuperando xogadores caídos durante a preparación recibe ao Belvís (Domingo, 17:00 – Platas Reinoso) ca volta da xente ao Platas Reinoso, que seguro se fará notar. Pola súa banda, o Mazaricos visitará Tordoia (Domingo, 17:00 – Gorgullos) para medirse a un dos equipos máis consolidados na categoría. E como prato final da fin de semana, o Ponteceso recibirá ao Negreira (Domingo, 18:00 – O Pinguel), que vén de facer unha gran inversión para incorporar a xogadores de divisións máis altas e volver a ser así un dos claros favoritos para conseguir o ascenso.

1ª GALEGA FUTFEM

Logo do seu gran debut, o Bergantiños recibe ao Tordoia (Domingo, 17:00 – As Eiroas), que vén de perder ante o Orzán na primeira xornada. As de Gueli Cotelo buscarán seguir cunha boa xeira e coñecer onde está o nivel e o seu sitio nesta nova categoría, para así comprender cales deben ser as aspiracións.

PREFERENTE FUTSAL

Partido importante o que lle chega ao Fisober, que se enfrontará ao Meigas (Sábado, 18:00 – Pavillón municipal de Cee), un equipo que ben de comezar dun xeito moi semellante ao das dumbriesas. De feito, só un punto separa a ambos na táboa. As de Dani deben volver a facerse fortes na casa, onde conseguiron as súas dúas vitorias, para escapar un pouco da zona baixa neste inicio de competición.

Pola súa banda, mentres que na feminina xogarán a quinta xornada, os da preferente masculina tampouco comezarán esta fin de semana, xa que continúan a espera de que se alixeire o protocolo covid. Todo parece indicar que arrancarán para a semana que ven.

LIGA GALEGA XUVENIL

Un ano máis, temos o orgullo de anunciar un novo derbi por todo o alto na Liga galega xuvenil que enfrontará a Dumbría e Bergantiños B (Sábado, 16:30 – O Conco). Parten como favoritos os locais, que gañaron o seu primeiro encontro no Conco ante o Calasanz B, mentres que os de Carballo aínda non coñecen a vitoria nestas dúas xornadas.