Venres. 26.04.2024
El tiempo

A sombra do descenso escurece o futuro de 5 equipos costeiros

O Volantes caeu ante o Cruces-Foto-Adri Fdez
O Volantes caeu ante o Cruces-Foto-Adri Fdez
A sombra do descenso escurece o futuro de 5 equipos costeiros

Xogábase este domingo de Semana Santa unha xornada a medias. Aínda con moito por diante a data deixa a Soneira e Dumbría como grandes beneficiados, dando pasos de xigante cara a permanencia na 1ª, pero deixa tocados a outros 4 equipos.

Cómpre resaltar que o Sofán rubricaba o seu descenso a semana pasada. Despois deste histórico paso pola 3ª División estatal o cadro de Alberto Rodríguez volverá á Preferente o curso que vén.

O seu descenso, e o probable do Noia, precisamente provocarán 2 arrastres, polo que o Xallas terá que quedar entre os 2 primeiros do seu grupo. Co Boiro destacado, o Xallas ten a cousa moi “cada vez máis complicada”, como recoñece o míster David González. “Todos os equipos estamos así, practicamente, con 5 finais por diante, e case que non podemos perder ningún partido para estar vivos e telo de cara”. Domingo en Santaballés non poden fallar e despois nas Pontes unha finalísima, que de gañar permitirá seguir soñando pois os 3 últimos partidos serán na Fontenla.

Na 1ª a cousa está complicada para 3 dos nosos equipos. O descenso case seguro do Estudiantil e o posible do Xallas provocará que descendan 2 equipos de cada grupo da permanencia, e mesmo podería caer o peor 3º. Nesa tesitura atopase agora mesmo o Corme trala derrota en Dumbría, xa a 5 puntos do Agolada que marcaría a permanencia.
Lelo, que se queixa algo da arbitraxe de onte no Conco, é consciente de que "a permanencia está moi difícil. Temos que ir partido a partido e esperar que Dumbría e Lalín gañen todo menos contra nós..."

No grupo D2, Volantes e Ponteceso están en problemas tamén, situado o cadro laranxa con 7 puntos na 3ª praza e o pontecesán 4º con 6, empatado co Val do Ulla.
O adestrador muradán, Iván González valora que a día de hoxe dependen de si mesmos, pero estando nun “momento de baixón”, cada partido será unha finalísima e unha vitoria ou unha derrota vai cambiar moito. Onte, sen ir máis lonxe caeu inesperadamente ante o Cruces tras un erro do meta local, que fixo un gran partido igualmente, e mesmo houbo ocasións de sobra para levar o partido por goleada. “A do domingo ante o Val do Ulla é unha final”, sentenza, previa á segunte fin de semana ante o Ponteceso.

Pola súa banda, Pablo Mallón, míster do Ponteceso, espera que “despois de tocar fondo na primeira fase temos un fio de esperanza”. Confía en ir recuperando xente vendo ademais que “o equipo está dando un plus máis que na liga regular e aínda que sabemos que está moi complicado non tiramos a toalla”.

Comentarios