Os Veteranos e as sénior do CF Muxía enfrontaranse no novo Trofeo Abdoulaye Fall Seck

Alpha Fall Seck, irmán de Abdoulaye, nunha das Galas do Fútbol da Costa onde se entregou o Premio Especial Abdoulaye

O Concello de Muxía celebrará o vindeiro luns de Pascua, 6 de abril, o I Trofeo Abdoulaye Fall Seck, unha iniciativa deportiva e de homenaxe que terá lugar na Arliña a partir das 17:00 horas.

Este evento nace coa vontade de lembrar a figura de Abdoulaye Fall Seck, xogador moi querido en Muxía, falecido sobre o céspede de Arliña en 2016, e de recoñecer ao mesmo tempo o talento e o esforzo dos deportistas muxiáns que acadaron importantes logros durante o último ano. 

A concelleira de Deportes do Concello de Muxía, Sandra Vilela, destacou a importancia desta iniciativa tanto polo seu carácter deportivo como polo seu significado emocional para o pobo: “Abdoulaye foi unha persoa moi querida en Muxía e o que pasou foi algo que nos marcou como pobo para sempre. Este torneo nace para lembrar a súa figura e o que representaba: o deporte, o compañeirismo e esa idea de que Muxía é unha gran familia".

O torneo contará cun encontro especial que enfrontará ao equipo de veteranos co equipo sénior feminino do Muxía, nun partido que dará comezo ás 17:00 horas.
Ademais, durante o acto farase entrega de trofeos ao mérito deportivo a deportistas do municipio que conseguiron destacados éxitos no ano 2025, entre os que se atopan campións galegos e tamén campións de España nas súas respectivas disciplinas.
 

Máis novas