“Pero vós sabedes o importante é ter un cromo?”
Xa está o álbum dre cromos do #FUTFEMDACOSTA por toda a comarca. Tralas catro presentacións realizadas esta semana, as case 600 protagonistas dos 30 equipos de 23 clubs do fútbol da Costa xa teñen a sorte de contar cun álbum de cromos único en Galicia.
Tralas presentacións de Muros e de Buño, este pasado xoves o equipo de Quepasanacosta (formado por Alberto Pose, Óscar Leis e Ubaldo Cerqueiro) fixo doble parada, en Vimianzo e Dumbría.
A acollida non puido ser mellor, e as xogadoras da comarca encheron tanto a sala de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo como a Biblioteca do Conco. Bo acollida ademais dos nosos Concellos, como se refrendou coa importante de presenza de alcaldes e alcaldesas dos concellos que colaboraron coa iniciativa (Malpica, Cabana, Carballo, Ponteceso, Mazaricos, Muros, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Zas, Dumbría, Fisterra e Corcubión) arroupando as súas xogadoras, dando conta do sentimento de pertenza e de orgullo que fomenta unha iniciativa como esta. Foron eles os que fixeron entrega dun álbum a cada unha das xogadoras dos seus concellos.
Quixo Ubaldo agradecer na presentación a colaboración municipal e tamén a do Grupo As Baleas, principal patrocinador deste álbum que recolle a sobresaínte revolución do noso #futfem nos últimos anos, que nos está convertindo en referente a nivel autonómico.
”Pero vós sabedes o importante é ter un cromo?”, espetoulles na presentación o alcalde dumbriés Raúl González. “Téñovos envidia e non sana, porque non hai envidia sana”, recoñeceu repasando os seus tempos de futbolista do UC Cee e lamentando que el nunca vai poder ter un cromo de seu.
A vimiancesa Mónica Rodríguez deu os parabéns a todas as protagonistas, a alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez recoñeceu o seu orgullo de “alcaldesa fisterrana”, e a rexedora camariñá Sandra Insua lembrou que estamos no mes da muller, e fixo fincapé en como cambiaron as cousas dende os tempos nos que as referentes como Pili Neira ou María Bardanca lles chamaban “marimachos” simplemente por facer o que lles gustaba: xogar ao fútbol.
Falaron tamén en Dumbría o alcalde de Corcubión Francisco Domínguez Traba, “Drok”, e en Vimianzo Javier Sar (alcalde de Muxía, que estaba acompañado pola teniente de alcalde Sandra Vilela), ou o alcalde de Zas, Lolo Muíño (tamén acompañado polo edil José Medoña) que lembrou que “ao fútbol costeiro faltáballe outro pé, que era este, o fútbol feminino”.
Moi ben acaídas tamén as palabras de Manuel Espasandín, responsable do subcomité arbitral da Costa, sempre moi agradecido á atención que lle presta a familia QPC en todas as súas iniciativas. “agora xa somos 7 árbitras, que nos encanta estar neste álbum, pero seguro que pronto seremos máis”, sinalou invitando ás xogadoras a unirse a este grupo de dobles pioneiras, que xa está formado por 150 colexiadas en toda Galicia.
Pero sen dúbida, o mellor foi ir vendo as caras das protagonistas ao ver os primeiros cromos, e cando conseguían atoparse. A ilusión é máxima, e a nosa alegría, igual.