A eterna visita da area de Laxe ao Parlamento

Xosé Manuel Pose Lema e Daniel Pérez

Dende que no 1988 as obras no dique transformaron as correntes na enseada de Laxe, fixéronse patentes cambios importantes na propia dársena, na praia e mesmo na morfoloxía urbana da vila. O arrastre de grandes cantidades de area cara a parte occidental da praia provocou a creación dunhas dunas complicadas de catalogar, pois para uns son patrimonio natural intocables, e para outros son unha mera consecuencia da acción do home, que ademais quitan vistas á hostalería do lugar.

En calquera caso, esa area segue subindo, anegando o paseo, chegando ás casas, e afectando á rede de saneamento…

Así, considerando que se trata dun “fenómeno artificial”, o BNG quere buscar unha solución real, e considera que “o traslado de area desde a zona do porto ao outro extremo, que se realiza cada certo tempo, non resolve a situación”.

Esta semana foi o deputado carballés Daniel Pérez o que, acompañado polo voceiro do BNG local Xosé Manuel Pose Lema, visitou a zona, para trasladar varias peticións ao Parlamento Galego. O BNG pedirá que se “execute dentro deste ano unha actuación de rexeneración para devolver a praia de Laxe ao seu perfil orixinario, distribuíndo por toda a praia a area que conformou o novo campo dunar (por acumulación na parte occidental)”. Ademais pediralle á Xunta que se dirixa ”á maior brevidade ao Goberno do Estado para buscar, mediante unha acción coordinada Xunta de Galiza-Estado, unha solución técnica definitiva (en base a un proxecto de remodelación do porto) ao problema provocado pola alteración das correntes do porto de Laxe.”

Novas relacionadas