Nerea Pallares presenta en Laxe a premiada novela ambientada en Camariñas

Este venres 3 de outubro, celebrarase, ás 19 h, na libraría Risón de Laxe, a presentación de "Punto de araña", Premio García Barros 2025, de Nerea Pallares. Acompañando a autora, estará Nerea Rosario Devesa.

"Punto de araña", Premio de Novela García Barros 2025 de Nerea Pallares, é unha obra que abraza a forza do mar e das voces esquecidas, e que se ergue como unha homenaxe ás mulleres que, en silencio, sosteñen o mundo.

"Tecida a varias voces, "Punto de araña" é unha novela mariñeira e coral, unha loa ás redes invisibles que nos salvan e nos sosteñen. Unha
historia de loita, amizade e transmisión entre xeracións. Un berro desde a costa para que as mans que fiaron a historia por fin sexan recoñecidas", explican dende Galaxia.

A historia desenvólvese na comarca: 

Ari chega a Camariñas chamada por un vento vello, por un mar que nunca esquece. Sen saber por que, esa vila labiríntica ten algo que lle fala desde dentro. Ocúpase do museo do encaixe e exerce de guía turística, pero axiña descubrirá que alí as cousas non son como aparentan. As as palilleiras —tamén redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira— deciden poñer fin á inxustiza e ao esquecemento. Fartas de levar ás costas o peso do mundo, invocan ás arañas: tres forzas da natureza, gardiás dun poder antigo e feminino, que veñen para mudar a orde establecida.

Outras novas