Carmen V. Valiña gaña o XIX Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega

Segue colleitando boas novas literarias a baiesa Carmen V. Valiña. A súa obra "A illa que supuraba sangue" resultou gañadora da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Un bo premio, valorado en 12.000 euros e suma a publicación
do libro pola Editorial Galaxia.
"Para min é unha ledicia este premio, non só polo recoñecemento literario senón tamén porque me permite poñer sobre a mesa, agora a través da ficción, cuestións que me preocupan e desexo visibilizar, como as historias das nosas ancestras e a memoria histórica", cóntanos orgullosa a autora baiesa.
A novela gañadora conquistou ao xurado da XIX edición pola súa intriga e o seu sorprendente final, sendo a mellor valorada entre as 43 obras orixinais e inéditas.
Fran Fernández Davila, voceiro do Xurado desta edición, destacou da novela de Carmen V. Valiña ”a súa habelencia para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario”.Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de fino burilado e tinturas líricas, esta narración ábrese tamén á intriga coa desesperación dunha das protagonistas, misterio que nos levará ata un final que, de seguro, lle resultará a quen lea tan sorprendente coma desacougante”.
Carmen V. Valiña
Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismo as alternativos.
Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 especializouse nas historias das mulleres internas de Conxo. Froito dese traballo é o seu ensaio As tolas que non o eran (2025, Galaxia).
En 2024 participou na residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, e neste ano foi unha das autoras seleccionadas para a V Residencia Literaria da Cidade da Cultura, REGA 2025.
O Certame
O certame contou desde o seu nacemento en 2006 coa participación de case 600 obras orixinais de escritores galegos.
Na primeira edición, en 2006, o xornalista, Miguel Sande, Ánxeles Sumai, Xurxo Sierra, María López Sandez; Berta Dávila, Santiago Lopo, Marcos Calveiro, Daniel Asorey, Xosé A. Neira Cruz, Gonzalo Hermo, Xosé Monteagudo, Alberto Ramos, ou Fran Fernández Davila son algúns dos seus gañadores
O Xurado da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e a escritora e docente nomeada pola Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG), María Álvarez Landesa.