Seguro que a súa filla fica máis tranquila despois da decisión que vén de tomar José Luís Pérez Añón. O ata hoxe alcalde de Laxe vén de presentar a súa dimisión irrevocable, por mor dos problemas de saúde que vén sufrindo dende 2019, case dende que conseguía romper 20 anos de supremacía socialista e o PP se facía coa alcaldía.
Aínda ata o ano pasado compaxinaba a alcaldía co seu labor de practicamente no centro de saúde, pero o estrés continuo que vive calquera rexedor municipal, obrígalle agora a dar o paso a un lado.
Non pasará a historia por ser o mellor estratega, pero si por ser persoa que destacaba pola súa cercanía, a súa naturalidade e o seu bo trato. "Deixa un Laxe mellor do que estaba en 2019", destacaba hoxe o presidente provincial do PP Diego Calvo.
Será o ata agora tenente alcalde, Francisco Charlín Oróns, que xa estivo á fronte do concello en varias ocasións como alcalde en funcións, o que tome o relevo co bastón de mando.
Por medio da presente comunico que, por motivos específicos de saúde persoal e consello médico, presento a miña renuncia ao cargo de Alcalde – Presidente do
Excelentísimo Concello de Laxe e tamén ao cargo de Concelleiro.
Admito que as inquietudes profesionais e as conexións persoais e institucionais que xorden estando ao fronte deste Concello son dun valor tan incalculable que non facilitan dar este paso. Aínda así quero asegurarlles que esta decisión é o resultado dunha reflexión profunda e tómoa estando convencido de que é a correcta tanto para o meu benestar xeral como para o benestar do Concello de Laxe.
Nestes momentos, ante todo, e cun gran sentido de aprecio, quero agradecer a confianza e o apoio que a veciñanza de Laxe me dou durante toda a miña traxectoria política e, moi especialmente, a depositada en min para presidir esta Alcaldía como resultado das dúas últimas eleccións municipais.
Participar activamente na primeira liña da xestión política local permitiume aportar o meu modesto esforzo para favorecer a convivencia e o desenvolvemento deste Concello.
Durante todo este tempo, a vocación de servizo e o ben común convertéronse no meu único propósito de traballo e nese sentido síntome especialmente orgulloso por non ter decaído en ningún momento.
Valoro e agradezo o tempo que presidín este Concello pero tamén son consciente de que nada tería sido igual sen a fortaleza de contar coa implicación duns compañeiros e compañeiras de goberno que se mantiveron en todo momento ao meu lado, sempre coa mellor das disposicións para cooperar e traballar no proxecto político que entre todos levamos a cabo. Xunto ao agradecemento que sinto polo seu apoio e esforzo, quero sumar a gratitude que sinto por tódalas persoas que colaboraron comigo nas campañas electorais, e tamén polas que me acompañaron no partido e na candidatura aportándome todo o seu entusiasmo e dedicación.
Durante este tempo tamén contei coa axuda e o esforzo dos e das traballadoras municipais, a quen quero recoñecerlles o meu agradecemento e estima, non soamente pola súa ética profesional, senón tamén pola súa capacidade de adaptación e traballo en equipo.
E finalmente, pero non menos importante, agradezo a protección, o refuxio e o cariño da miña familia durante todo o meu tempo de exercicio político porque non hai nada que aprecie máis nesta vida que ter a certeza de que conto coa súa axuda, respaldo e amor, cada día.
A partir de agora, e co mellor dos desexos para o Concello de Laxe, quedo a súa enteira dispoñibilidade para o traspaso do cargo.
Atentamente,
José Luis Pérez Añón
Alcalde do Concello de Laxe