Portos inaugura unha nova pasarela no porto pero non soluciona os problemas coa area

Portos de Galicia vén de rematar a obra dunha pasarela de acceso no porto de Laxe. Pasarela que facilitará o acceso ao pantalán do Club Náutico de Laxe e as embarcacións da sétima lista. Esta dotación, na que a entidade investiu 60.000€, permite salvar a zona rochosa do borde marítimo e acceder con comodidade á flota náutico recreativa. Ademais presidente do ente público, José Manuel Álvarez-Campana, mantivo esta mañá un encontro coa confraría para escoitar as súas necesidades. E como non, dende o pósito fixéronlle chegar os problemas coa acumulación e movemento de areas, ao que respondeu "explicitando os límites territoriais das competencias de cada administración nesta zona".

O BNG laxense quere tratar o problema

E precisamente nesa liña quere manter o BNG laxense unha reunión co presidente de Portos de Galicia. Unha reunión na que se intente atallar definitivamente o proxecto, cambiando os "cruces de declaracións e visitas para botar balóns fóra" por "propostas serias de actuación e compromisos reais". Deste xeito, o BNG quere manifestar a súa "disconformidade pola forma na que se está a abordar este problema tanto por parte do PP como do PSOE, que se dedican día si e día tamén a cruzarse acusacións mutuas". Así, ademais da reunión solicitada con Portos, ao propio tempo, nos vindeiros días farán unha petición semellante diante do departamento competente do goberno central.

Novas relacionadas

Fonte

  • Notas de prensa de portos de Galicia e do BNG de Laxe.
  • Foto antoga de Gloria Gil Varela para o Grupo de Facebook de Laxe.