Problemas na praia de Laxe trala ampliación do dique

As últimas actuacións no porto de Laxe veñen de afectar á praia laxense. Segundo aseguran dende o sector mariñeiro, é necesario actuar para corrixir a alteración das correntes e tamén para corrixir os arrastres de area cara a parte occidental da praia e o fondo mariño. De igual xeito, notáronse danos na rede de saneamento do Concello de Laxe e problemas de abrigo no porto. E así o notifican estes días os deputados do BNG no Parlamento Galego, Carlos Aymerich e Bieito Lobeira, que veñen de presentar varias preguntas para a súa resposta escrita por parte do goberno galego, relativas aos problemas que afectan ao Concello de Laxe como consecuencia das obras no porto da localidade acometidas xa hai anos e que agora se están manifestando con máis intensidade se cabe. O propio Francisco Jorquera, na súa visita a Laxe da anterior semana, xa concluíra que "esta problemática necesitaba para a súa solución da implicación conxunta das dúas administracións con responsabilidade na materia: o goberno galego e o goberno central". Todos preguntan xa publicamente " á Xunta se está a estudar algún tipo de modificación no porto da localidade para solucionar de forma definitiva estes problemas".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da man de Xosé Manuel Pose, Responsábel local do BNG de Laxe.