Así foi o exemplar debate electoral de Malpica

Foto-Poldo Lamela

Fermoso exercicio de democracia o vivido esta pasada tarde de luns 22 de maio no Centro Cívico de Malpica. O debate de QPC foi un verdadeiro éxito de participación veciñal e de confrontación de ideas, normalizando un acto que debería ser o habitual en tempo de campaña, pero que dadas as experiencias de Cee e Ponteceso non parece tan evidente.

Os 4 candidatos á alcaldía malpicá nas eleccións municipais deste 28 de maio (Eduardo Parga (PP), Walter Pardo (PSOE), Miguel Varela (BNG) e Alfredo Cañizo (AIM) demostraron unha enorme valentía para enfrontarse a un público esixente e souberon sacar os seus mellores argumentos durante case 2 horas de conversa.

 

Arrincaba o debate cun calmado Eduardo Parga (alcalde e candidato do PP) sacando peito do realizado nos dous últimos anos de lexislatura. Respostaba, algo atropelado Walter Pardo (PSOE), apelando a “pensar ao grande”, criticando momentos específicos da lexislatura como a xestión da auga e facendo a única referencia en todo o debate á “moción da vergonza”. O candidato do BNG Miguel Varela, moi crú durante todo o debate con Alfredo Cañizo (AIM), definiu o goberno actual formado por PP e AIM como o “goberno do retroceso”, mentres o propio Cañizo si pediu un cambio no goberno solicitando melloras nos eidos sociais e lamentou que "todos veñen contra min".

Pactos e liñas vermellas

Momento máis que interesante cando se falou de pactos, nun concello onde a chave a leva tendo o partido menos votado durante as últimas eleccións. Se Parga focalizou o seu argumento na maioría absoluta, Walter Pardo busca tamén a maioría pero si anunciou que si ten unha liña vermella para esta vindeira lexislatura: “non imos pactar con Cañizo”.
Un anuncio secundado polo que foi un dos seus socios de goberno nos dous primeiros anos de lexislatura no tripartito PSOE-BNG-AIM. Miguel Varela puxo tamén unha liña vermella con Cañizo, e tamén co VOX. Pola súa parte, Cañizo, repetindo o “todos contra min”, quixo deixar as portas abertas a todos.

Máis de 150 persoas no Centro Cívico

Economía: Polígono, mar

O seguinte bloque, en clave económica, quixo afondar sobre como se pode restacar o polígono, aínda sen estrear. Parga sinalou que xa ten un proxecto en marcha coa Xunta, por valor de 700.000€, para crear un Viveiro de Empresas no polígono, onde ademais propón abaratar as parcelas. Así mesmo púxose á expensas da Confraría para atender as necesidades do sector do mar.
Pardo insistiu na necesidade de buscar inversores e perseverar coas administracións para dinamizar o polígono, pero focalizou na necesidade de coidar o noso mar e o noso agro, coa intención ademais de poñer en valor o mercado municipal, para o que propón crear un selo de calidade.
Varela lamentou a falta de apoio do goberno popular da Xunta coa pesca artesanal, e puxo enriba da mesa o debate sobre a eólica mariña, ao que só respondeu Pardo rexeitando todo proxecto que colida coa pesca artesanal. Falou da importancia de fortalecer o transporte público.
Cañizopuxo o foco no turismo como motor económico, falando da posibilidade de facer rutas turísticas por mar, aproveitar máis a gastronomía, as festas…

Seguridade no porto

Punto e aparte merceu o proxecto de mellora da seguridade da dársena de Malpica. Parga explicou que a día de hoxe, tras anos de estudos experimentais, a Xunta conta cun proxecto de ampliación do dique pero que non solventaría o problema da seguridade cas comportas, e lembrou o custe que supón calquera actuación deste tipo.
Pardo incidiu na necesidade de ampliar o dique e aumentar a profundidade para aumentar as descargas na lonxa, e Varela lembrou que presentou unha enmenda aos orzamentos da Xunta para destinar 1 millón de euros á dársena, pero que foi rexeitada pola Xunta. Cañizo pola súa parte deixou claro que “temos que facer todo para Mapica”.

Turismo, cultura, olería…

En clave cultural, o candidato do PP apostou por poñer en valor a Vía Celtica e o Camiño dos Faros, apoiar a CMAT, e visibilizar o pobo oleiro de Buño con sinalización e solicitando que a Olería sexa declarada Ben de Interese Inmaterial.
O candidato do PSOE pediu un técnico e turismo durante todo o ano, mentres o BNG propón un Plan Integral de Turismo, un programa anual de actividades, un parque de autocaravanas ademais da potenciación de Buño como “Vila Oleira Única” con campañas da nivel estatal. E Cañizo propuxo rutas circulares polas parrqouias, aproveitar o astroturismo, ou facilitar aos propietarios que poidan pintar os seus edificios para ter unha atractiva fachada marítima.

Servizos Sociais: Centro de Día

Foi o Centro de Día, que será de xestión municipal, o foco de todas as propostas. Parga asegurou que xa está listo e só falta certa documentación que se ralentizou por culpa do goberno de PSOE e BNG. Sacou peito ademais de que Malpica sexa o concello que máis gasta no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Pardo refrendou a necesidade do centro de día, pero tamén pediu activar un cheque bebé, actividades de conciliación ou reactivar o proxecto da Casa da Auga.
Varela foi o único que falou en clave de igualdade violencia de xénero (se ben Cañizo propuxo cursos de defensa persoal) pero sobre todo instou á que o goberno abra xa o Centro de Día tras varios anos de promesas. Lembrou os problemas que hai no propio SAF coas traballadoras pedindo o rescate da concesión e pediu un respecto á sanidade pública.
Cañizo pediu un servizo de Atención Temperá, un servizo de madrugadores e traballar a soidade dos maiores.

Asociacións e clubs

As asociacións e os clubs son un dos grandes activos do Concello de Malpica, envexa de toda unha comarca e “tea de araña que une Malpica”, como definiu Walter o tecido asociativo. Todos pediron a mellora das instalacións e axudas na tramitación de axudas. Parga falou da futura renovación do céspede, e vestiarios de Pedra Queimada así como renovación do tellado do pavillón; Walter de ter unhas instalacións como as de Dumbría, e mesmo propuxo crear un skate park na zona. Varela, ademais de lamentar o estado lamentable de moitas desas instalacións, pediu oferta para os maiores e potenciar outros deportes que non sexan só fútbol. Cañizo propuxo incluírse no circuito Correndo pola Costa da Morte, ou homologar as Carreiras escolares para fomentar o turismo deportivo. Ademais, puxo enriba da mesa a creación da Feira do Libro de Malpica.

Infraestruturas - auga

Un dos temas complicados foi o do abastecemento de auga, despois da crise vivida o verán pasado. Parga asegurou que xa hai unha nova captación nas charcas de cerámicas Progreso que asegurarán o abastecemento. Ademais trabállase nun novo decantador e vaise pedir unha nova EDAR. ao tempo que a se está a facer un estudio para reducir as perdas na rede, que rondan o 40%…
O BNG propuxo axudas para mellorar as captacións das parroquias, así como a modernización das redes, valorando o estudo das novas captacións
Puxeron o foco tamén no problea aparcamento e na necesidade dun Pan Integral de saneamento como pediu Varela e Cañizo.

”Parece que vostedes non gobernaron”, espetoulle Parga aos candidatos de PSOE e BNG no marco das argumentacións sobre os retrasos nas obras.

 

Miguel Varela, Eduardo Parga, Walter Pardo e Alfredo Cañizo

Novas relacionadas