Luns. 07.10.2024
El tiempo

O PP volve á alcaldía gracias a Cañizo trala primeira moción de censura de Malpica

IMG-20210903-WA0006
O PP volve á alcaldía gracias a Cañizo trala primeira moción de censura de Malpica

Consumada a primeira moción de censura da historia do Concello de Malpica, que deixa a Eduardo Parga (PP) de novo como alcalde, tras dous anos de goberno tripartito formado por PSOE, BNG e o edil non adscrito Alfredo Cañizo, que se presentara por Ciudadanos.

Unha moción que xira, como nos últimos 25 anos, ao son do propio Cañizo, que cun só edil sacado nas Eleccións Municipais de 2019, manexa as chaves do consistorio.

O pleno, ateigado presencialmente con moita xente afín ao grupo de goberno saínte, e gran interese nas redes sociais (ata picos de 350 persoas na retransmisión en directo das máis de 2 horas de pleno polo Facebook municipal) arrincou co concelleiro máis maior, o popular Miguel Fdez., facendo lectura do texto que xustifica a moción. Un texto, en castelán, cheo de lugares comúns, falando de "parálise municipal" ou "rexeneración política". "A cidadanía está dicindo que non aguanta máis", aseguraba o manifesto.

O alcalde saínte, o socialista Walter Pardo, aplaudido case que a cada frase, alongouse cunha carta ao "seu querido pueblo" de máis de media hora. Recoñeceu "desavenencias" no grupo de goberno apuntando que "nolos 6 si soubemos convertilas en virtudes", excluíndo a Cañizo. Calificou de novo "a moción da vergonza" denunciando que o PP e o propio edil non adscrito "fan da xestión pública un medio de vida". Criticou a falta de apoio do PP local en todo momento (aos que lembrou que "non representandes para nada a rexenraxión da política, senón que sodes a política antiga") e lamentou o esquecemento da Xunta, despois de facer unha retaíla con todos os proxectos levados acabo nestes 2 anos de goberno marcados pola pandemia.
Rematou esperando que "en 2023 os veciños se lembren desta trapallada e volvan colocar un mariñeiro como alcalde".

Investidura Malpica Eduardo Parga
Eduardo Parga e Miguel Fdez.

O novo alcalde Eduardo Parga, entre as interrupcións dalgunha hooligan, lembrou que o PP foi a forza máis votada nas eleccións e quixo lembrar as negociacións do Psoe con Cañizo, antes que con BNG naquel xuño de 2019, entre as eleccións e a investidura. Xustificou a moción nas "desavenencias que hai goberno dende o primeiro día que provocan a parálise actual". Criticou que non cumplisen promesas como a apertura da piscina ou a baixada de impostos ou que aparcasen o PXOM e asegurou que a meirande parte das obras sinaladas por Pardo son do POS, e foron aprobadas tamén por eles.

E chegou a intervención máis esperada. Alfredo Cañizo, en clave victimista, acodiu á viaxe do seu avó en 1937 con 27 fuxidos do franquismo, pero de forma breve lembriu que leva 26 anos na política e a xente o segue votando. "O único erro grave que cometín foi aquel pacto co PP de 2015, e agora estou aquí para enmendalo", asegurou entre abucheos.

O máis duro foi o concelleiro socialista Sergio García, calificando a moción como a "do medo de que sigamos facendo as cousas ben", e lamentou que o PP, despois de tanto criticar a Cañizo, agora o coloquen no seu goberno.

Trala toma do mando Parga, xa na cadeira central, apelou ao "diálogo e unidade" co "compañeiro Cañizo" para "traballar polo pueblo de Malpica".

Comentarios