Inagurado o novo Centro Social de Barizo ante as críticas do BNG malpicán pola "inauguritis"

Esta pasada fin de semana o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Malpica, José Ramón Varela Rey, inauguraron o novo centro sociocultural de Barizo, no concello malpicán.
O novo edificio conta cunha superficie construída de 401 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas, nos que se instalou unha cafetería, hemeroteca, aseos, salón de usos múltiples, entrada-distribuidor, almacén e vestiarios. Varela Rey cifrou nuns 300.000 euros o investimento no novo centro social e na súa contorna.

O centro vén completar a ampla rede de centros culturais cos que conta o municipio, segundo detallou o alcalde de Malpica, pois “desde que chegamos ao goberno tratamos de dotar a todos as parroquias de locais socioculturais”, afirmou José Ramón Varela, que citou como exemplos os xa construídos en Beo, Cambre, Meis e As Pozacas, a Casa da Culrura de Seaia e o Centro Cívico de Malpica, “unha ampla rede de centros que hoxe se completa con esta nova infraestrutura en Barizo”.

"Inauguritis" segundo o BNG

Pero non a todos lles senta igual de ben a inauguración. O parecer do BNG de Malpica sobre o "maratón de inauguracións" desta fin de semana é crítico destacando que "a febre das inauguracións adiántase polo cambio da Lei Electoral", que preve a convocatoria de eleccións para este martes 29 de marzo prohibíndose as inauguracións e difusión de propaganda electoral en soportes comerciais. De feito, os partidos terán retirar valos e anuncios dos candidatos ata o inicio de campaña o 6 de maio.

O BNG destaca que nos últimos días se inaugurou a "Casa da Auga, coa piscina esperpéntica de só 3 rúas, que se inaugura sen rematar a obra".
Do Centro social de Barizo, apunta que comenzaron as obras canda as da Casa de cultura de Seaia, que leva 4 anos funcionando".

A rolda de inauguracións continuou o domingo polos campos de fútbol malpicáns, e inauguraron o que xa está en funcionamento desde hai meses, aproveitando a visita do Deputado provincial. E vai máis alá "segurísimo que antes das eleccións aínda se inauguran a Galiña Azul para os cativos e mais o Centro de Día para os nosos maiores".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Deputación e do BNG de Malpica.