Rebenta unha das galerías da antiga mina de Monte Neme provocando un verquido de lodos e o corte dunha estrada

Imaxe dos traballos na estrada entre Leiloio e Aviño trala rotura da balsa da antiga mina de Monte Neme

O rebentón dunha galería da antiga mina de Monte Neme, que estaba taponada, está a provocar unha pequena desfeita nos montes malpicáns. Se ben non houbo danos persoais nin de vivendas afectadas, o arrastre de grandes cantidades de auga, pedras e lodos terminou colapsando a estrada entre Leiloio e Aviño, que permanece cortada (están nestes momentos as máquinas traballando para abrila).

Segundo fontes municipais, nin principio non parece haber perigo de contaminación por metais pesados, pero os restos de escombro e pedras arrasaron con parte do monte do termo municipal de Malpica, provocaron o peche da estrada e mesmo chegaron a verterse no mar na zona de Riás, sen observarse mortandade. 

Ata o lugar achegouse este mediodía o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde. “Están os servizos de emerxencias da Xunta, que é quen ten as compertencias na materia, traballando para minimizar o efecto da ruptura da presa debida ás altas precipitacións desta temporada. 
Inicialmente, parece que non existe afectación aos ecosistemas, fundamentalmente mariños. Todos os servizos de prevención autonómicos e estatais están coordinados e atentos para monitorizar a evolución deste verquido e contrarrestar os posibles danos causados ao  ecosistema”, declarou o subdelegado.

 Este suceso prodúcese mentres a Xunta traballa no proxecto de rexeneración da explotación mineira, cando se cumpren 12 anos dende un grave verquido.

Julio Abalde co alcalde malpicán Eduardo Parga no lugar

 

Máis novas