En marcha os traballos de restauración da mina do Monte Neme dez anos despois da rotura da balsa
- O 23,51% da superficie incluída no proxecto emprázase no concello de Carballo e o 76,49%, no de Malpica

En xullo de 2022 a Xunta de Galicia aprobaba un orzamento de 1 millón de euros para a restauración dos terreos da mina de Monte Neme. Agora, a finais de 2024 e 10 anos despois da rotura dunha das tres balsas da antiga mina, que provocou un vertido de máis de 24.000 metros cúbicos de auga sobre os núcleos de Aviño (Malpica) e Razo da Costa, comezan os pasos reais para deixar o espazo como merece.
A Xunta de Goberno de Carballo vén de aprobar a solicitude de licenza presentado pola Xunta de Galicia para a restauración dos terreos afectados pola explotación mineira do Monte Neme. Un proxecto que intentará conseguir a recuperación paisaxística da zona mediante o baleirado controlado dos ocos mineiros, a depuración das augas residuais existentes, a remodelación das zonas alteradas pola explotación mineira e a creación dunha cuberta vexetal persistente no tempo.
A maior parte das obras desenvolveranse no concello de Malpica. En Carballo actuarase sobre unha superficie de 16.562,33 metros cadrados, que supón o 23,51% do total.
Os prazos
O 31 de outubro de 2014, 8 meses despois da rotura da balsa, a Consellería de Economía e Industria emitiu resolución de aprobación do proxecto de abandono e clausura dos terreos afectados poña explotación mineira Monteneme, promovido por Leitosa SAU como titular das concesións de explotación. Con data 12 de decembro de 2023, a Xunta de Galicia presenta solicitude de licenza para executar o proxecto.
Explican dende o Concello carballés que "a tramitación prolongouse durante todo este ano debido á necesidade de contar con autorizacións de diferentes organismos autonómicos, como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, emitidas o 11 de marzo e o 9 de setembro, ou Augas de Galicia, o 20 de agosto. Con data 2 de outubro, a arquitecta e a enxeñeira municipais carballesas informaron favorablemente o proxecto presentado, que prevé no concello de Carballo un investimento de 268.122,80 euros.
Máis novas