Asinado o convenio para a creación dunha senda de 70km á beira do río Xallas

Sinatura do Convenio da Deputacion e os Concellos do rio Xallas

Histórico o convenio asinado hoxe entre a Deputación e os Concellos de Mazaricos, Santa Comba e Zas, para a creació dunha senda peonil de máis de 70 km á beira do río Xallas. O proxecto da Senda do Xallas leva enriba da mesa dende 2019, e parece que por fin pode converterse en realidade. 

A Deputación da Coruña achegará 300.000, un 80 % do investimento previsto para poñer en funcionamento unha ruta paisaxística que discorre en paralelo ao río ao longo, que sirva para poñer en valor os seus valores naturais, culturais e paisaxísticos.

O deseño da senda procura causar o mínimo impacto ambiental posíbel, afastándose en determinados treitos do leito do río para non perturbar a flora e a fauna existentes e evitando interferir na vida cotiá e no traballo da veciñanza dos lugares polos que transita.

 

 

María Couto de Xeal, Juan José Blanco, alcalde de Mazaricos; Xosé Regueira vicepresidenta de Deputación; Manuel Muíño, alcalde de Zas e  Alberto Romar, alcalde de Santa Comba, no acto da sinatura do covenio

 

Durante o acto, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou que esta iniciativa será complementada polos proxectos previstos para a fervenza do Pindo e para as cabeceiras do propio Xallas. «Agora é importante que se materialice completamente esta senda, de algo máis de setenta quilómetros, e dar tamén a coñecer o patrimonio material e inmaterial da zona», sinalou.

Regueira puxo tamén o acento en que a senda do Xallas é un recurso pensado «para a xente local, as veciñas e veciños», mais que ao mesmo tempo actuará como «elemento tractor» para as visitas que chegan á procura de natureza. Nese senso, explicou que «o turista esixente, que procura experiencias únicas, terá ao seu dispor unha senda ao longo de todo o río», aproveitando para iso o percorrido pola «paisaxe singular» que ofrece «o único río de Europa que remata en fervenza».

O alcalde mazaricán, Juan Blanco, amosou a súa satisfacción polo paso dado hoxe respecto dun proxecto «que comezou hai cinco anos» e agradeceu o investimento que realizan tanto a empresa Xeal como a Deputación da Coruña. «Sen a colaboración da empresa, porque o comezo da ruta pasa integramente polos seus terreos, e sen os fondos que achega a Deputación, non sería posíbel», indicou Juan José Blanco.
O rexedor subliñou tamén a capacidade da senda do Xallas como proxecto tractor para a comarca da Costa da Morte e asegurou que se verá beneficiada «toda a contorna».

O convenio terá vixencia até o vindeiro 31 de outubro e forma parte das competencias da Deputación da Coruña en materia de asistencia e cooperación económica e técnica aos concellos, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, co obxectivo de contribuír á mellora do patrimonio provincial e ao desenvolvemento de proxectos de interese público e social.

Novas do proxecto da Senda do Xallas