Luns. 29.04.2024
El tiempo

Apostan porque a Senda do Xallas estea aberta o vindeiro verán

O río Xallas entre os montes da Ruña e a costa dos Buxantes. Na marxe esquerda podemos ver unha parte da devesa de Anllares e alá no fondo o Pedregal do Pindo
O río Xallas entre os montes da Ruña e a costa dos Buxantes. Na marxe esquerda podemos ver unha parte da devesa de Anllares e alá no fondo o Pedregal do Pindo
Apostan porque a Senda do Xallas estea aberta o vindeiro verán

As obras da Senda do Xallas, o ambicioso proxecto turístico que enlazará os concellos de Mazaricos, Zas e Santa Comba á beira deste emblemático río, será unha realidade en breve. Este atractivo turístico, que require dun investimento total próximo aos 700.000 euros, presentarase proximamente no Pleno da Deputación para que o organismo provincial dea luz verde ao financiamento. Isto permitirá ao Concello contratar as obras na vindeira primavera.

Este é o resultado máis salientable da reunión que mantiveron o pasado mércores o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, xunto co concelleiro de Turismo, Jorge Sanmartín, co deputado de Turismo do ente provincial e vicepresidente do mesmo, Xosé Regueira.

Por outra banda, a Deputación e o Concello comprometéronse a seguir colaborando na promoción turística. Mazaricos estará presente a través do stand da Deputación en próximos eventos turísticos e gastronómicos, caso do Xantar Ourense, Foro Fairway, Fitur ou Intur.

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, agradeceu a receptividade e boa disposición da Deputación para desenvolver este importante proxecto en Mazaricos, “un dos destinos turísticos da Costa da Morte en auxe”. Pola súa banda, o concelleiro Jorge Sanmartín considerou que “a presenza de Mazaricos en foros de turismo con vocación internacional está a axudarnos moito para acadar estas boas cifras”, polo que valorou moi positivamente continuar neste modelo de colaboración e complementariedade entre institucións.

Comentarios