Mazaricos busca as imaxes do Calendario 2026

O Concello de Mazaricos te convocado o concurso de Fotografía “Mazaricos, terra de auga”, co obxectivo de seleccionar as 12 imaxes que ilustrarán o calendario municipal do ano 2026. A iniciativa busca poñer en valor a riqueza natural e paisaxística do concello, destacando a importancia da auga na súa xeografía e identidade cultural.

A temática deste ano, “Mazaricos, terra de auga”, invita a capturar a beleza de encoros, fervenzas, ríos, regueiros, fontes, pozas, muíños e demais elementos vinculados á auga no territorio, así como a choiva en todas as súas variedades. Segundo explicou o alcalde Juan Blanco, “queremos que a veciñanza nos achegue a súa mirada máis persoal e creativa sobre estes espazos naturais ou non, que forman parte do noso patrimonio e da nosa vida cotiá”.

Premios

As 12 fotografías seleccionadas serán publicadas no calendario oficial do Concello de Mazaricos para 2026. Ademais, cada autor ou autora das imaxes seleccionadas, recibirá un vale de 50€ para gastar en establecementos comerciais do concello, co que se busca tamén impulsar o comercio local.

Bases e participación

Poden participar todas as persoas maiores de idade que o desexen, sempre que as fotografías sexan orixinais e fosen realizadas no termo municipal de Mazaricos. Preferirase o formato horizontal, axeitado para a maquetación do calendario.
As imaxes deberán enviarse ata o 30 de setembro de 2025 ao correo electrónico correo@mazaricos.gal, acompañadas dos datos do autor (nome, apelidos, DNI, teléfono de contacto e título da fotografía).