Mazaricos necesitará case dous millóns de euros para reparar as vías danadas polos temporais

Tras case tres meses de choivas practicamente ininterrompidas e temporais especialmente intensos, con máis de 10 borrascas de grande
impacto, a rede viaria de Mazaricos fixo balance dos danos. O Concello, que conta cunha das redes de pistas agrícolas e forestais máis extensas da comarca —con máis de 1.100 quilómetros que dan servizo a explotacións, fincas agroforestais e máis de medio centenar de pequenos núcleos de poboación—, encargou unha valoración técnica externa para avaliar o alcance real dos estragos.

O resultado é contundente, tendo en conta que o custo por quilómetro de rega asfáltica (4 m ancho) é de 75.000 €; e que o custo por quilómetro con aglomerado en quente (4 m ancho) ronda os 110.000 €: estímase en 1.766.500 euros o custo necesario para recuperar unhas condicións adecuadas de uso. Esta cifra supera o 35% do orzamento municipal, unha contía que dificilmente poderá afrontarse nun só exercicio.

Urxencia no calendario agrícola

A preocupación é máxima no departamento municipal de obras, que traballa cun calendario moi axustado. En cuestión de días arrincará a campaña de ensilado da herba e a sementeira do millo, o período de maior actividade no campo e, por tanto, o momento no que as pistas rurais soportan un maior tránsito de maquinaria pesada.

Garantir accesos en condicións convértese así nunha prioridade engadida para un concello que afronta unha das maiores intervencións dos últimos anos na súa rede viaria.

Traballo provisional e busca de apoios

Domingo Caamaño, responsable da brigada municipal de obras, explica a situación: "Traballamos para que todo estea transitable aínda que sexa de modo provisional. O arranxo completo vai ser imposible a curto e medio prazo porque os recursos municipais son totalmente insuficientes para isto".

Neste sentido, desde o Concello confirmouse a petición dunha reunión coa conselleira do Medio Rural para trasladarlle a situación e solicitar o seu apoio, ao entender que o mal estado das pistas incide de maneira directa na actividade diaria do sector agroganadeiro.

Así mesmo, considérase que Mazaricos é un polígono industrial agrícola, que en vez de estar concentrado en un sitio, está distribuído por todo o Concello, coas necesidades que ten estes infraestruturas (auga, accesos en condicións, electricidade), totalmente inasumibles para unha administración tan pequena.

 

 

Máis novas