As 10 borrascas deste 2026 deixan 132 incidencias na iluminación pública de Mazaricos
Fai balance o Concello de Mazaricos da afectación directa ás infraestruturas que vén de provocar o tren de borrascas deste comezo de ano. As Goretti, Harry, Ingrid, Joseph, Kristin, Leonardo, Marta, Nils, Oriana e Pedro, que activaron múltiples alertas meteorolóxicas na comarca, levan obrigado aos servizos municipais poñerse a traballar durante semanas para reparar as avarías provocadas por un total de 132 incidencias na rede de iluminación pública municipal, segundo o balance realizado polo departamento de Servizos do Concello.
Os raios caídos durante as distintas tormentas foron os principais causantes dos danos máis graves. As descargas eléctricas afectaron a múltiples infraestruturas, provocando:
- Cadros eléctricos queimados, que tiveron que ser substituídos na súa totalidade.
- Farolas averiadas, moitas delas con danos irreparables nos seus compoñentes electrónicos.
- Avarías diversas na rede de subministración do alumeado público.
Traballo intensivo dos servizos municipais
Desde o Concello explican que o persoal dos servizos municipais traballou arreo durante semanas para atender as incidencias e repoñer o servizo nas zonas afectadas. A magnitude dos danos obrigou a prolongar os traballos máis do desexado, xa que nalgúns casos foi necesario substituír equipamentos completos.

Con todo, o Concello de Mazaricos quere pedir desculpas ás veciñas e veciños polas molestias que estas avarías puideron causar, especialmente nas zonas que estiveron máis tempo agardando a reparación. "Estamos a falar dunha sucesión de temporais excepcional, con dez borrascas de impacto e múltiples alertas activadas nun curto período de tempo. Fixemos todo o posible por normalizar a situación canto antes", sinalan fontes municipais.