Mazaricos e o paradoxo enerxético: producir electricidade e quedar ás escuras
Levamos semanas, en realidade décadas, comprobando a carencia das máis básicas infraestruturas na nosa contorna rural. Varias parroquias estiveron varios días sen luz e sen internet, e boa parte do termo municipal de Mazaricos leva sufrindo durante semanas, centos de microcortes, letais para calquera actividade económica. Unha situación que provocou mesmo que os 3 grupos municipais asinasen un comunicado de denuncia conxunta, e que levasen o asunto ao Parlamento Galego.
Pero é que o caso de Mazaricos reflicte á perfección o paradoxo que vive o noso país en materia de enerxía renovable. Ese país no que son os ecoloxistas os que se enfrontan ás renovables. Ese país onde o territorio está tan invadido que é imposible ir por unha estrada e non albiscar un mar de viraventos maridados cun mar de eólicos. Ese "país dos mil ríos" de Álvaro Cunqueiro, onde os ríos xa non teñen peixes porque están absolutamente saturados de encoros e centrais eléctricas
O Concello mazaricán denuncia ese paradoxo de ser un concello que contribúe de maneira significativa á rede eléctrica galega e estatal como produtor de enerxía hidráulica e eólica padeza unha deficiencia tan flagrante no servizo eléctrico.
Boa parte da superficie de Mazaricos está ocupada por parques eólicos que alimentan constantemente a rede, e no seu termo municipal atópanse as centrais hidroeléctricas de Ponte Olveira I e II.
Pero mentres os megavatios xerados no territorio flúen sen interrupción cara á rede estatal, a veciñanza, as explotacións gandeiras, fonte económica principal, e o comercio, sufre cortes de luz constantes.
Detrás desta situación hai unha infraestrutura de distribución obsoleta e un mantemento case inexistente. As liñas eléctricas, tanto de media como de baixa tensión, atópanse nun estado de deterioro preocupante, sen plans de mantemento preventivo e con limpezas das faixas de servidume que nalgúns casos só se realizan cada cinco ou seis anos, nun concello con moitos temporais e abundante masa forestal.
Accións para esixir solucións
Dende o Concello aseguran que todos os grupos van esixir á Xunta que exerza as súas competencias de inspección e sanción sobre as empresas distribuidoras en caso de incumprimento dos estándares de calidade do subministro.
"Non é admisible que un concello produtor de enerxía siga sufrindo o abandono das infraestruturas básicas que afecta a todos os sectores da nosa economía e á calidade de vida dos nosos veciños", reiterou Blanco Riveiro, esixindo á Xunta que exerza as súas competencias de inspección e sanción sobre a empresa distribuidora.