Sábado. 15.08.2020
El tiempo

Nacemento e evolución do Pino do Val

Nacemento e evolución do Pino do Val
Entre a moderada pendente do Monte da Pedra do Ouro que anuncia o alborexar da mañá e as agras e prados de suave caída ou perfecta horizontalidade que, en gran angular, sinalan o lento declinar da tarde; discorría dende antigo o “Camiño Brieiro” que, dende a Serra de Outes pasando por San Lourenzo, Chacín, Val, Insua, Sanfoga e A Ponteolveira, unía a Ría de Noia cos portos da Costa da Morte. Á beira deste camiño, en terreos pertencentes e moi próximos ao lughar de Val, e algo máis distantes das aldeas de Asenso, Chacín, Lamasapín e Vioxo, naceu un piñeiro manso que, desafiando o desabrigado do lugar, sempre batido por tódolos ventos, medrou xenerosamente ata lograr unha corpulencia que chamaba poderosamente a atención naqueles predios despoboados de todo tipo de arboredo. Un piñeiro que dende aquel lugar aberto e espallado viu como a mediados dos anos vinte do século pasado se transformaba o vello “Camiño Brieiro” nunha estrada que permitía a circulación dos novos vehículos a motor. E aínda que este proxecto non se completaría ata máis de trinta anos despois; naquel momento só chegou ata A Ponteolveira, non deixaría de contribuír ao desenvolvemento de Mazaricos. Ao noso exemplar de “pinus pinea”, debido ao seu porte elevado, ao notable grosor do seu toro e á súa posición nun lugar no que se cruzaban outros camiños que vertebraban as diferentes aldeas da parroquia de Chacín, deron en chamarlle todos, veciños e circunstanciais transeúntes: O PINO DE VAL. As terras nas que se situaba este piñeiro con nome propio, foron herdadas ou mercadas por Pedro Val Tomé. Para algúns dos nosos informantes pertencían á súa herdanza familiar, pola contra, para outros foron compradas ao Concello de Mazaricos. Os que defenden a primeira opción dinnos que os terreos que posiblemente mercara son os que ocupa a casa de Manolo do Moucho, non os situados á súa dereita e nos que nacera e medrara o famoso piñeiro. En calquera caso, para o obxecto que hoxe traemos aquí, ese dato é de interese secundario. O Pino do Val dende a terraza da Casa Caamana coas primeiras casas do lugar a de Manolo do Moucho a do Moucho e a de Barallas Vista actual do Pino do Val dende a terraza da Casa da Caamaña coas primeiras casas do lugar: á esquerda a de Manolo do Moucho, no medio a do Moucho, a primeirísima e á dereita de Barallas Volvamos a Pedro Val Tomé. Este veciño da casa do Moucho de Val, emigrou á Arxentina onde rexentou unha leitería. Alí, despois de enviuvar dun primeiro matrimonio, casou con Estrella Lago, tamén de Mazaricos, e tivo o seu primeiro fillo: Julio. Estando aínda nas Américas decidiu facer unha casa na propiedade na que enraizara o nomeado piñeiro. Foi un home da súa confianza, José do Gallardo de Chacín, o que correu coa xestión da construción desta vivenda e que se remataría arredor de 1930. Na folla 93 do Plano Topográfico Nacional editado en 1945 aparece nomeada como: “Casa del Pino”. Pedro Val Tomé e a súa pequena familia, despois de considerar que xa tiñan uns bos pesos aforrados para poder encarar o futuro con optimismo, deciden retornar á Terra en 1932. Instálanse en Val, na vivenda paterna, onde nacerán o resto dos seus fillos: Pepe, Florentino, Manolo e Blandina. Ao mesmo tempo abren na súa nova casa do Pino unha desas tendas nas que se vendía todo o que podían precisar os mazaricáns daqueles tempos: aprechos de labranza, fertilizantes, tacholas para os zocos, comestibles, bebidas,... Durante máis dunha década estiveron á conta da labranza de Val e da tenda do Pino. Foi nos primeiros anos corenta, arredor de 1943, cando deciden deixar a vella casa paterna e domiciliarse definitivamente no Pino de Val. Así empezou a súa andadura pola historia este núcleo de poboación que se conformaba por unha única vivenda. Mais a súa situación privilexiada na parroquia de Chacín, e mesmo dentro do territorio municipal de Mazaricos, ían mudar as cousas en poucos anos. Para seguir a evolución no tempo deste encrave valerémonos de catro fotografías aéreas: unha de 1946, outra de 1956, unha terceira de 1983, e remataremos co aspecto que ofrece na actualidade. Para o que xa escribimos e para o que nos queda por contar foron, tamén, fundamentais as informacións de Manuel García Val (Manolo da Capilla de Val), Bienvenido Solís Lado (Venido de Solís ou de Caetán do Pino), Francisco González Rodríguez (Francisco do Xastre do Pino), José Luaces Atán (Pepe de Barallas do Pino), Manuel Rey Bermúdez (Manolo de Rey do Pino), Federico Pérez Morín (Federico do Pino) e o último e imprescindible nesta historia, Manuel Val Lago (Manolo do Moucho do Pino); fillo do matrimonio fundador da localidade e un dos primeiros veciños da mesma. Foron moitas máis as persoas do Pino consultadas, na maioría dos casos sobre a construción das súas casas, ou da apertura dos seus negocios, pero sería moi longa a lista e vanme desculpar que non as cite unha a unha. En todo caso, unhas e a outras, reciban as miñas máis afervoadas grazas pola súa colaboración. Evolucion do Pino do Val-Mazaricos con fotos aereas Evolución do Pino do Val con fotos aéreas Na primeira das fotografías aéreas aludidas, a de 1946, aparece unicamente a casa de Pedro Val Tomé, é dicir, a do Moucho. Ademais da vivenda , facendo medianeira, figura un alpendre que, igual que a vivenda, aínda sobrevive na actualidade. No espazo que, dende hai anos, ocupa a casa de Manolo do Moucho, naquel momento había un hórreo, que conxuntamente co alpendre, eran construcións imprescindibles para a explotación agraria coa que completaban os seus ingresos. Houbo un feito que non podemos precisar con exactitude cronolóxica, pero sen lugar a dúbidas tivo lugar durante este período. Referímonos ao trazado definitivo da estrada que unía Muros coa Coruña. No que, ao seu paso por Mazaricos, estudáranse varios itinerarios, impóndose finalmente o que chegou aos nosos días, confluíndo no Pino de Val coa xa existente que dende Outes conducía, como xa dixemos, aos portos da Costa da Morte. Esta encrucillada viaria será fundamental para o seu desenvolvemento futuro. Se agora nos fixamos na citada instantánea de 1956 podemos ver esta nova estrada. Durante a década dos cincuenta será construída cunha capa de “morrillos” apisoados e cubertos por outra de barro para lograr a súa conpactación. O asfalto aínda estaba moi lonxe. Nos primeiros anos realízase o tramo con destino Á Pereira, e despois, dende o 54 ao 57, o que unía O Pino coas Paxareiras. Deixando a un lado estas infraestruturas, concentrémonos nas novidades edilicias que nos ofrece a imaxe. Partindo da casa do Moucho que xa coñecemos pola fotografía anterior, e seguindo a dirección das agullas do reloxo, podemos atopar as seguintes novas construcións. Primeiramente encontramos unha pequena edificación, por referencias orais de planta baixa, promovida por Rosaliano do Barallas de Val, e na que durante algúns anos se despachaba sal a granel. Esta propiedade despois de marchar o seu dono para as Américas foi mercada polo seu irmán Jesús. A finais dos anos sesenta será ampliada para trasladarse a ela a familia antes de que remate a década. Erguerán tamén á beira da casa do Panadeiro uns alpendres para continuar coa actividade agraria que tiñan en Val. A casa ampliada da que falamos inicialmente, andando o tempo será o embrión do actual complexo hostaleiro do Barallas. A seguinte vivenda é a de María Cives Caamaño (Caamaña do Pino), unha muller da casa do Caamaño de Val que decidiu fundar vida neste novo lugar de acollida. A casa, coas incorporacións propias da modernidade, segue conservándose tal e como foi construída. Viría despois nunha posición algo máis recuada con relación á encrucillada, unha pequena nave na que o Ghaldrán de Outes instalou unha serraría con máquinas a vapor. Non debeu funcionar moito tempo, pasados os anos foi mercada para almacén por Manolo de Rey do Pino. A seguinte edificación era a vivenda dunha muller da casa do Conde de Vioxo: Consuelo Martínez Alvite. Unha casa que polas referencias que temos, nunca chegou a habitar a súa propietaria debido á súa marcha para A Arxentina. Aínda que con posterioridade foi alugada por Francisco do Xastre e José del Río mentres non remataban as súas propias vivendas. Non hai moitos anos un fillo e herdeiro da propietaria, derrubou esta construción coa idea de levantar un edificio de maiores proporcións, mais todo quedou en nada. Fechando esta rolda tíñamos a nave que construíu Manuel Pais Novo (Caetán do Pino), coa idea inicial de instalar unha carpintería, idea que non se materializou, transformándose nunha serraría. Formando parte desta estrutura industrial, unha porción da zona alta, adecuouna para vivenda familiar. Tempo despois de cesar a actividade industrial, foi derrubada a finais dos anos noventa do século pasado. Con relación a cronoloxía construtiva destas edificacións, contamos con algunhas datas concretas e algunhas referencias orais sobre a orde no tempo das mesmas. Entre estas e aquelas podemos precisar o seguinte: Como xa apuntamos, a primeira sería a do Moucho, edificada arredor de 1930, despois de 1946 viría a casiña de planta baixa do Barallas, continuaría a relación a da Caamaña, no ano 1954 construiríase a nave de Caetán e inmediatamente despois a de Ghaldrán e a da Conda. Así era o embrionario núcleo do Pino en 1956. En datas moi próximas a este ano, ou quizais a finais do mesmo, edificará o Paxareiro de Valadares un baixo que lle servía como almacén onde gardar viño e outras mercadorías que despois transportaba no carro do País á súa taberna da nomeada parroquia de Outes. Bastante despois, a finais dos anos sesenta, daralle alto a esta estrutura inicial para montar o establecemento con taberna e estanco que todos coñecemos, que a partir dos primeiros anos setenta será xestionado polo seu fillo José María Castelo García e a muller deste, María Martínez Noya. Algo despois do baixo do Paxareiro tamén levanta, no lugar que hoxe ocupa a Carnicería de Lola e o Restaurante Hawai, José María do Martelo de Ghosolfre unha pequena nave con fins industriais que, coido, só tivo funcións de almacén. A finais da década dos cincuenta O Moucho decide derrubar o hórreo e construír unha edificación de planta baixa para trasladar a ela a taberna, xa que a casa familiar estaba, e segue estando, bastante recuada con relación á liña da estrada. Coa nova situación tería unha visibilidade moito maior e un máis fácil acceso. De tódolos xeitos o seu proceso construtivo foi longo, despois de estar rematada a parte principal: paredes, tellado, fiestras, e antes de instalar definitivamente a taberna, foi utilizada pola Bande de Música de Valadares para facer alí os seus ensaios. Esta propiedade foi herdada por un dos nosos informantes, Manolo do Moucho; co tempo ampliouna polo vento Sur cunha estrutura de dúas plantas para vivenda, ademais de continuar coa explotación do establecemento comercial axudado pola súa muller María del Carmen González Baña. Arredor de 1960 prodúcese outro feito importante para o progreso urbano e económico do Pino de Val. Referímonos ao inicio da explotación das canteiras situadas no Monte da “Pedra do Ouro, Val, Sixto y Otros”, como figuran na maioría das solicitudes de aproveitamento formuladas ao Concello. A primeira empresa que se ocupou da extracción de pedra para áridos e outros usos construtivos, foi a de Manuel García Gómez de Ordes. Despois del viñeron Os Cordas de Vimianzo, Cadal de Lugo, “Hermanos Rodríguez” de Muros, e dende 1986 e ata a actualidade, Ponciano Nieto coa sede administrativa en Zas. Algúns destes concesionarios solapáronse no tempo, mentres uns explotaban unha parte outros facíano noutra. En todo caso, e máis alá dos prexuízos medioambientais, que non son pequenos, estas canteiras supuxeron un verdadeiro revulsivo económico, aínda en activo, non só para O Pino de Val, senón para toda a zona. O cuarto veciño en incorporarse á nova entidade de poboación foi Francisco González Rodríguez (Francisco do Xastre) que en 1964 inicia a construción da súa actual vivenda. Mentres non a rematou, como dixemos anteriormente, estivo vivindo na casa da Conda. Xa coa vivenda lista para vivir, el e máis a súa muller Consuelo Trillo González, abriron unha xastrería que estivo funcionando ata que se xubilou esta última. Neste obradoiro de corte e cofección aprenderon o oficio de costureira moitas mozas dos arredores. Por eses mesmos anos tamén edificará a súa casa Francisco Caamaño Lago (Ferreiro do Pino), na que instalará, ademais da vivenda, o primeiro taller mecánico do Pino de Val: Talleres Caamaño. Nun pobo de recente creación cada novo negocio que se montaba era o primeiro do seu ramo. Antes de que remate a década dos sesenta, David Caamaño Caamaño conxuntamente coa súa muller Juana Parada Tuñas, tamén construirán a súa vivenda onde lle darán acollida a primeira panadería do núcleo: Panadería Caamaño. O mesmo podemos dicir do matrimonio formado por Manuel Caamaño Caamaño e Carmen Parada Tuñas que, máis ou menos polo mesmo tempo, abrirán a primeira zapatería do Pino. Unha casa que se fixo tamén nesta década, concretamente nos anos 1964/65, foi a da Villeriña de Ghosolfre. Unha vivenda que, coido, nunca estivo habitada e que fora levantada polo seu propietario, Pedro Alvite Santos, que era construtor. Esta foi a súa última obra antes de morrer prematuramente en 1965. Outras familias que constrúen casa e se incorporan nestes anos finais do decenio á nova poboación son: a de Rosalía García Val (Rosalía da Capilla), a de Dolores Rama Romero (Lola da Muradana) e a de José María Noya Suárez (José María de Casanova). No ano 1969 Caetán deixa a vivenda que tiña instalada na serraría e constrúe a casa na que vive na actualidade a filla e o xenro deste entusiasta emprendedor: María Pais Martínez e Bienvenido Solís Lado. Co decenio dos sesenta rematado, segundo o Padrón Municipal de 1970, vivían no Pino 38 presoas distribuídas en once casas: a do Moucho, a da Caamaña, a de Caetán, a do Xastre, a do Ferreiro, a do Panadeiro, a de Manolo do Zapateiro, a de Barallas, a de Rosalía, a de Lola da Muradana e a de Casanova. Se houbo unha década que consolidou definitivamente o Pino de Val como unha poboación en expansión, esa foi a dos setenta. Empezou con dous feitos moi relevantes: as construcións da Agrupación Escolar e da nova Igrexa parroquial de Chacín. Para a edificación do Colexio fixo falla unha boa parcela cedida gratuitamente por Caetán e o Moucho do Pino, polo Catelo de Chacín e polo Matías de Ghosolfre. Arredor de 1974 o Centro Educativo estaba listo para ser estreado polos primeiros alumnos. Se o Colexio fora iniciativa do Ministerio de Educación, a Igrexa estivo promovida por Don Plácido Blanco García, por aqueles tempos párroco da mencionada parroquia. Os terreos necesarios foron doados por Manuel da Irmandade da Picota, e sufragaron os gastos da súa materialización tódolos veciños da freguesía. Foi inaugurada no ano 1972. Coa obra da igrexa encamiñada xurdiu unha nova necesidade relacionada coa mesma: facía falta un cemiterio. Neste caso, ante a ausencia dun xeneroso doante, os veciños decidiron mercar unha parcela, moi próxima á igrexa, que pertencía á Marxa de Chacín para darlle acomodo aos panteóns, e neles aos habitantes do alén. Estes tres equipamentos supuxeron a apertura de novas rúas que permitirán o acceso aos mesmos. Accesos que serán aproveitados para a edificación de novas construcións en pouco tempo. A inmellorable situación do Pino de Val non lle pasou desapercibida ao espelido empresario outense Paulino Vidal, en 1973 instalará, na saída con dirección a Santa Comba, unha gasolineira. Unha dotación que ao longo do tempo atraeu a este núcleo a moitos transeúntes, algúns só cargaban o depósito, pero outros moitos paraban aquí ou acolá, activando a vida social e económica do pobo. Domingo Calo Trillo (do Peto de Asenso) e a súa muller Dolores Caamaño Casais instalaron en 1974 unha carpintería nunha casiña pequena pertencente á familia de Dolores (os Curros de Chacín). Posteriormente trasladaríana ao edificio que eles mesmos construíron un pouco máis arriba. No mesmo ano 74, e despois da segunda e máis drástica ampliación da casa orixinal, abrirá as súas portas o complexo hostaleiro do Barallas: bar, restaurante e hospedaxe. Promovido polo matrimonio formado por Xesús Val Castelo e Dolores Ferreiro Ramos, e no que a súa filla Lourdes Val Ferreiro e o seu xenro José Luaces Atán, foron fundamentais para o seu éxito ao longo de tantos anos. Logo da Discoteca O Pino, gran referencia da troula mazaricá dende 1976 Logo da Discoteca O Pino, gran referencia da troula mazaricá dende 1976 Pero os equipamentos, sexan do tipo que sexan, non cesan. 1976 non será un ano calquera, no seu transcurso inicia a súa andadura a Sala de Festas O´ Pino. Un referente na vida sentimental e festiva de varias xeracións de mazaricáns e de outras moitas persoas de alén dos nosos lindeiros. Este importante centro de atracción no que a troula e a diversión estaban sempre aseguradas acendeu as luces para que comezara o baile da man dos seus propietarios e máximos dinamizadores, o matrimonio formado por María Perol Barbazán e Manuel Rey Bermúdez. Durante a segunda metade da década dos setenta, nunha casa que construíran nos anos 1974/75, José Casais Baña e a súa muller Gloria Romero Peón, montaron un almacén de materiais de construción ao que engadirán en 1979 un novo negocio: o Bar Casais. Tamén por estes mesmos anos finais do decenio, o matrimonio formado por José Martínez del Río e Palmira Martínez González, despois de formar parte como socios da Autoescola Suso que funcionou nunha parte do baixo da casa de Francisco do Xastre ata o seu traslado Á Picota en 1978, inicia unha nova actividade, agora hostaleira, coa apertura do Bar del Río que, ademais dos servizos propios dun bar, terán restaurante, hospedaxe e taxi. Outro negocio que abre por estes anos é a Carnicería Carballo, primeiro ocupou o baixo da casa de Julio do Moucho, a primeira do Pino, pero en pouco tempo o seu propietario José Carballo Domínguez construirá unha casa propia á que trasladará o negocio. Antes de abandonar os setenta, en 1979, Manuel Rey Bermúdez (Manolo de Rey do Pino), instalará nunha nave edificada á beira da Igrexa parroquial, unha Ferralla para a montaxe de estruturas metálicas para a construción. Outra nova actividade que iniciará neste ano a súa andadura da man de Federico Perez Morin "Stil-Haus Decoración”. Unha empresa modélica no seu traballo e escola de moitos dos pintores que traballan hoxe en Mazaricos. Toda esta actividade esixía a existencia dunha entidade bancaria que axilizara o número crecente de transaccións. No mesmo ano 79 abrirá unha sucursal do “Banco de Crédito e Inversiones”, despois “Banco Gallego”, alugando unha parte do baixo comercial da casa de Francisco do Xastre, antes ocupado pola autoescola. Todos estes estímulos dotacionais e empresariais reflíctense axeitadamente na seguinte imaxe que ofrecemos: outra vista aérea, agora de 1983. Ademais das estradas coñecidas e das rúas abertas a raíz da construción do Colexio e da igrexa, atopamos vellos camiños, que comunicaban as diferentes aldeas da parroquia, convertidos en vías ás que se achegan novas edificacións. Fagamos unha lixeira camiñada por todas elas. Na estrada con dirección Á Picota, dende hai anos Avda. Pedro Val, se partimos do cruce atopamos pola dereita: a casa do Barallas, a do Xastre, a de Manolo do Zapateiro, a de Carballo, a de del Río e a de Ferreiro; da banda esquerda temos a de Manolo do Moucho, a de Julio do Moucho, a do Panadeiro, uns alpendres do Barallas, unha obra sen rematar do Palas de Asenso, a de Rosalía da Capilla, a das Felipas e a da Viúda. Na estrada de Outes, actual Avda. Pedro García Lema, observamos do lado dereito: a casa do Paxareiro, a serraría de Caetán, a nave de José María do Martelo, o edificio de Casais de Chacín, a casa do Bar Galiza, a da Parrillada Liverpool, a de Jesús do Santeiro e a da Parrillada Linde; á man esquerda atopamos a da Conda, a da Villeriña de Ghosolfre, a de Estrella de Matías de Ghosolfre, a de Casanova, a do Fito de Chacín, a de José do Marralleiro e a de Lola de Casais. Na vía que se dirixe a Asenso (Rúa da Chanca) podemos ver na beira dereita: a casa do Beiro e o “Chalé” do Noia de Asenso; e pola esquerda a de Herminda. Na estrada de Santa Comba (Rúa da Pedra do Ouro) atópanse á dereita: a casa da Caamaña, a do Curro de Chacín, a do Peto e a de Casais; e á esquerda a do Martelo e a gasolineira. Na actual Rúa da Igrexa, observamos pola banda dereita: o xa citado edificio de Casais, un edificio a medio facer de José do Manso, o Colexio e o edificio de José de Rosa de Ghosende de Valadares; pola esquerda temos a casa de Afonso do Gallardo, a de José do Zapateiro, a de Manolo de Rey e a Igrexa. Na Rúa Pais Novo podemos ver á esquerda a xa citade de Paxareiro, a de Caetán e a de Federico. Na Rúa de Santa Baia atopamos pola dereita: a empezada e nunca rematada Casa Reitoral, a de Valentín, o cemiterio e a de Benito do Marxo; pola esquerda están a da Carabina e a Ferralla de Manolo de Rey. Para rematar esta atropelada descrición, na actual Rúa da Braña, observamos á dereita: a xa citada casa da Conda e un baixo que a día de hoxe é do Fito de Chacín; á esquerda, en posición recuada a nave de Ghaldrán, a casa de Grille, a de Lola da Muradana, a do Paxareiro de Vilariño e a de Germán do Ribeiro. Isto, entre outros datos que hoxe non nos interesan, é todo o que nos ofrece a fotografía de 1983. No que nos resta do relato deixaremos de ofrecer os nomes propios dos propietarios das diferentes casas e establecementos como fixemos ata agora. Con este cambio queremos resaltar o papel das persoas citadas anteriormente, como as pioneiras do nacemento e consolidación do Pino de Val como casco urbano. Se os anos setenta se poden considerar a década prodixiosa con respecto á implantación de equipamentos e tecido empresarial, os oitenta serán os anos dourados do sector hostaleiro. Propulsado polo forte motor da Sala de Festas e Discoteca O´ Pino, que tivo neste decenio un éxito e unha proxección que desbordou en moitos quilómetros os límites municipais. Á sombra deste importante punto de encontro para o lecer e o divertimento, abriron novos bares, restaurantes e algún que outro pub. Xa vimos na análise que fixemos da imaxe de 1983, polo nome que lle demos a moitas das edificacións xurdidas con anterioridade a esa data, o importante número de establecementos deste tipo, e seguiran medrando nos vindeiros anos. Empeza a década coa apertura da Parrillada Linde en 1980. A esta actividade uniranlle en 1989 a carnicería do mesmo nome. Tamén abre as súas portas nestes primeiros anos oitenta, concretamente o 1 de xaneiro de 1984, a Parrillada Liverpool; cunha longa e intensa traxectoria que chega ata os nosos días. O Bar de Chico de Rey no que tamén tiña unha sección de ferraxería e de cousas para nenos; o Rei do Taxi ou o Holanda, engadiranse por estas mesmas datas á longa nómina de establecementos hostaleiros do Pino. Non podemos esquecer o Bar Galiza que tivo un destacado papel na vida nocturna e festiva da localidade. Rematamos esta relación co Disco Pub Ruada que comeza a súa andadura no ano 1986, sendo o primeiro destas características que funcionou en Mazaricos e o único do Pino. Outro negocio que tamén inicia a súa actividade a principios dos anos oitenta, concretamente en 1984, é a Carnicería de Lola, primeiro no baixo da casa de Jesús do Santeiro, e en poucos anos no local da súa propiedade no que continúa funcionando. Xa falamos en liñas anteriores de Talleres Caamaño como o primeiro deste ramo que funcionou no pobo. Este será un sector que nos anos oitenta e incluso nos noventa continuará afianzándose coa apertura de novos e importantes establecementos. No ano 1980 empeza a súa longa traxectoria Talleres Valentín, o primeiro especializado en chapa e pintura que houbo en Mazaricos. En 1986 abre as súas portas Talleres Germán Castelo, especializado na reparación de maquinaria agrícola. A partir de 1988 ampliará a súa oferta coa venda deste mesmo tipo de maquinaría. Na segunda metade desta década a empresa “Hermanos Rodríguez” que explotaron durante algún tempo as canteiras do Pino, constrúe unha nave na saída con dirección a Asenso, na que establecerán unha das bases de operacións da súa actividade centrada, basicamente, na construción e arranxo de vías de comunicación. Ata que no ano 1987 empezou a súa actividade o Supermercado Casanova non había no Pino ningún establecemento que atendera o ramo da alimentación. Os veciños do pobo podían atopar no Bar Castelo, na Parrillada Linde, na Carnicería Carballo ou na Panadería Caamaño algúns produtos cos que satisfacer as súas necesidades básicas. A partir da data sinalada contarán cunha ampla oferta e un servizo axeitado neste importante sector. En decembro do ano 1989 amplíase a oferta hostaleira cun novo establecemento: o Restaurante e Parrillada Hawai. Durante os anos oitenta coa chegada de Manuel Maneiro Grille á alcaldía, inaugurando a recuperada democracia, faranse no Pino de Val as primeiras obras que melloren o entorno urbano do pobo: asfaltado do que antes eran camiños e agora son rúas, dotación dunha rede de sumidoiros, beirarrúas e alumeado público. En anos e alcaldías posteriores: Xoán Manuel Ramos Rodríguez, José Manuel Santos Maneiro e Juan José Blanco Riveiro; continuarase este labor renovando e ampliando estes traballos iniciais. Os noventa comezan cunha importante dotación para O Pino, construción en 1990 do Campo de Fútbol da Pedro do Ouro. Na última lexislatura de Manuel Maneiro Grille acometese esta obra de pouco calado: a explanación dunha parcela no monte do mesmo nome, o seu feche cunha parede de bloques, un terreo de xogo moi deficiente coas imprescindibles porterías e un habitáculo para vestiarios. Aínda que o novo campo non cumpría os estándares de calidade, sentaba un importante precedente: os sucesivos mandatarios tiveron que asumir e respectar a súa situación no Pino de Val. No ano seguinte, 1991, nacería o Club de Fútbol Mazaricos, o primeiro equipo federado da historia do noso Concello, e que tería, precisamente, no Campo da Pedra do Ouro a súa sede social e deportiva. Anos despois, en 1994/95, o estadio afrontaría baixo a alcaldía de Xoán Manuel Ramos Rodríguez unha total renovación do terreo de xogo e a construción dunha grada cuberta. A pesar destas importantes intervencións o campo enchoupábase moi a miúdo. Algún tempo despois, xa durante os mandatos de José Manuel Santos Maneiro, fixéronse importantes obras de drenaxe que deixaron o terreo de xogo en perfecto estado de revista ata o día de hoxe. E xa para rematar con esta rápida visual sobre o Campo de Fútbol, na presente lexislatura leváronse a cabo unhas moi necesarias melloras dos vestiarios. Pero volvamos aos noventa. O Bar Holanda que fechara en 1990, reabre as súas portas en 1998 totalmente renovado e cun novo nome: Bar Pedra do Ouro. Unha denominación moi axeitada ao lugar no que se sitúa e á súa clientela de forte afección futbolística. Xa deixamos dito que nos noventa se ampliará a nómina de talleres: no ano 1992 empeza a súa actividade o Taller de Manuel Gallardo, dedicándose ao arranxo de todo tipo de vehículos, aínda que cunha maior incidencia no sector da maquinaria agrícola. E Motos Mayo, especializado na reparación e venda de motos, motocicletas, bicicletas e motoserras, inicia a súa andadura en 1993. Un sector con moitas intermitencias foi o das perruqueiras, con aperturas de establecementos de pouca continuidade no tempo. A única excepción ofrécenola a Perruquería Ghuedellas que leva dende 1994 ata o día de hoxe cortando, tinguindo, amoldando, peiteando,... milleiros e milleiros de cabezas, entre elas a miña. Arredor de 1995 O Pino de Val contará cun novo e inesperado servizo: unha farmacia. Un tipo de establecemento que sempre lle dá prestixio ao pobo no que se atope. A finais dos noventa e con sede no Pino, tamén inicia a súa actividade de venda ambulante Frutas Casanova. A década continuou con máis dotacións. A finais da lexislatura de Xan Ramos iníciase a 1º fase dunha rede de abastecemento de auga coa construción dun depósito de grandes proporcións e dunha depuradora. Con José Manuel Santos Maneiro proseguirá este proxecto coa implantación dunha ampla rede de distribución a varias parroquias de Mazaricos. Na presente lexislatura continúase ampliando este imprescindible servizo. Neste longo relatorio estou certo de que me quedou xente por citar que, dunha maneira ou doutra, contribuíu ao desenvolvemento do Pino de Val. Un grupo ao que non lle prestei atención por falla de datos, foi o dos profesionais autónomos. Sirva de exemplo deste sector Manolo do Pino (Manolo das Felipas) e agora o seu xenro José Manuel, que co seu camión levaron e levan O Pino como bandeira a onde queira que vaian. Rematamos este decenio cun apuntamento estatístico. No Padrón Municipal de Habitantes correspondente ao ano 1996, O Pino de Val alcanza os seus mellores datos de poboación: 179 habitantes distribuídos en 47 unidades familiares. As seguintes décadas non foron as mellores da historia do Pino de Val. Fechan algúns negocios e practicamente non abre ningún. Como xa dixemos, seguíronse ampliando e mellorando as infraestruturas urbanísticas. Fíxose un completo Parque Infantil nunha das últimas lexislaturas de José Manuel Santos Maneiro. E na presente alcaldía presidida por Juan José Juan Jose Blanco Riveiro estase a punto de rematar un Campo de Tiro onde os afeccionados á caza poderán poñer a proba as súas dotes de bos tiradores. Observando a fotografía aérea correspondente aos tempos actuais, podemos ver o grande desenvolvemento urbano ocorrido dende a instantánea de 1983: con novas rúas e un número apreciable de novas construcións. Se atendemos ás cifras totais contamos con: 80 edificios de vivendas, a maioría unifamiliares pero tamén uns poucos de varias plantas e numerosas vivendas. A totalidade, practicamente, teñen baixos comerciais, nalgúns casos máis extensos que o propio edificio. Outros están dotados de almacéns máis ou menos próximos. Atopamos tamén 17 estruturas edilicias de moi distinto uso, a Igrexa e o Colexio. As actuais cifras de poboación infórmannos dun estancamento: con 164 habitantes distribuídos en 60 unidades familiares. Con respecto ás cifras de 1996, baixa lixeiramente o número de persoas e aumenta o de vivendas ocupadas. Temos máis familias pero, en total consonancia cos tempos, máis pequenas. A pesar destes datos algo desalentadores que ademais son comúns a unha boa parte da Galicia interior, coido que O Pino de Val pode e debe encarar o futuro con optimismo. A súa situación xeográfica segue sendo moi boa, os seus arredores están cargados de interese para un dos sectores con máis posibilidades: o turismo. Hai que aprender do pasado, no que non faltaron os malos tempos, e tirar para diante con ánimo e apertura de miras. Quedan moitos achados por descubrir, non en balde se sitúa á beira do Monte da Pedra do Ouro, denominación que seguramente nos informa dalgún xacemento arqueolóxico rodeado de antiquísimas lendas que propagaban a existencia de marabillosos tesouros.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

comentarios