Pontón visita Mazaricos para pedir a Rueda axudas directas ao sector agrogandeiro pola subida dos combustibles
Un dos sectores máis perxudicados pola subida dos combustibles é o agrogandeiro. Así o valora a portavoz nacional, Ana Pontón, que reclamou desde Mazaricos ao Goberno de Alfonso Rueda axudas directas ao sector agrogandeiro para afrontar o aumento dos custos de combustibles, fertilizantes e todo o que ten que ver coa alimentación animal, unha medida que considerou urxente dado o actual contexto inflacionista a consecuencia da guerra en Irán.
Así o dixo logo de visitar en Mazaricos, xunto ao alcalde da localidade, Juan Blanco, a Granxa Pazos, unha explotación leiteira da que destacou a súa calidade -xa que ademais fai transformación do produto cunha marca de xeado propio- e na que exemplificou o bo facer do sector lácteo, que fai que Galiza produza o 42% do leite fresco de todo o Estado.
Pontón reclamou ao Executivo que deixe de “arrastrar os pés” ante un “sector estratéxico” en Galiza e comece a tomar medidas para facer fronte á escalada de prezos apoiando aos produtores e produtoras galegas, polo que, ademais das axudas directas a gandeiros e produtores, emprazou á Xunta a abrir liñas de crédito para as Pemes.
Así mesmo, avogou pola estrita aplicación da lei de cadea alimentaria para garantir un prezo xusto para que os produtores “non teñan que producir a perdas” e por que non entre en vigor un acordo con Mercosur que vai afectar a unha parte do sector galego.
“Como pode ser que os nosos gandeiros e gandeiras produzan un leite de primeira, pero lles estean pagando os prezos máis baixos de todo o Estado?"
Así pois, neste punto emprazou a Rueda a “poñerse á fronte” e liderar un modelo no que se lle paguen uns prezos xustos a produtores e produtoras, para o que considerou clave recuperar a Mesa do Leite, “sentar a industria cos gandeiros e que se negocie un prezo xusto para un leite de máxima calidade”, subliñou.
Máis terras
En segundo lugar, defendeu a proposta do BNG para mobilizar terras co obxectivo de ampliar a superficie das explotacións agrogandeiras, en total, 100.000 hectáreas de aquí ao 2030, o que melloraría dunha maneira moi importante a competitividade do sector e evitaríase ter terreos en desuso.
Por último, urxiu á Xunta a resolver “dunha vez por todas” as axudas de 2025 para a incorporación de mozos e mozas á actividade gandeira que seguen sen ser resoltas cando, por riba, en Galiza existe un problema moi grave de relevo xeracional, xa que só o 3,5% das explotacións teñen á fronte a unha persoa menor de 35 anos.
“Estas son medidas que un goberno comprometido co sector estaría tomando e o que lle pedimos ao executivo da Xunta é que deixe atrás a súa pasividade e que se poña a tomar medidas eficaces e reais para axudar ao sector”, recalcou.
A portavoz nacional tamén se referiu á necesidade concreta do sector en Mazaricos á hora de contar con infraestruturas de calidade, tamén nuns camiños rurais que sufriron un deterioro moi importante logo das borrascas rexistradas nos últimos meses.

