Preto de medio milleiro de deportistas desafiaron a choiva na IX Carreira Pedestre de Mazaricos

A choiva das primeiras horas non logrou frear unha xornada marcada polo gran ambiente, a convivencia e a paixón polo atletismo popular. A Picota volveu ser este domingo escenario dunha gran festa do deporte coa celebración da IX Carreira Pedestre de Mazaricos, que tamén foi a cuarta proba do Circuíto Correndo pola Costa da Morte. Preto de medio milleiro de deportistas participaron nunha xornada na que o atletismo popular e a convivencia foron os grandes protagonistas, a pesar da choiva que acompañou nas primeiras horas.

A cita, que se consolidou xa no calendario deportivo da comarca, contou con participantes de todas as idades, dende categorías inferiores ata persoas veteranas, nun ambiente familiar e de grande camaradería.

O percorrido, que discorre por paraxes naturais do concello e as ricas agras cheas de cultivos, e zonas de patrimonio, permitiu ás persoas corredoras desfrutar da paisaxe de Mazaricos mentres competían ou simplemente gozaban da experiencia de participar nunha carreira popular.

 

A carreira contou con diferentes categorías para adaptarse a todos os públicos, dende as carreiras infantís ata a proba absoluta. Ademais do aspecto competitivo, a xornada estivo marcada polo compañeirismo e o espírito de superación, valores fundamentais do atletismo popular.

 

O Concello de Mazaricos quere agradecer a todas as persoas participantes, voluntarias, colaboradoras e ao público que se achegou ata a Picota o seu apoio e entusiasmo, que fixeron posible unha edición máis desta festa do deporte.

 

Os gañadores da proba raíña de 10k foron Alejandro Pardo, e Tina Fdez. Barreiros, por diante de Daniel Loureiro Mosquera e Fran Pais Fondo, e Elena Miguens Otero e Ana Martínez Martínez, que completaron os dous podios.

Máis novas