A rapazada de Mazaricos aprende a facer pandeiretas co artesán Xosé Manuel Sanín
A rapazada do CEIP Víctor Sáenz de San Cosme de Antes, Mazaricos, coñeceu de primeira man o que fai Xosé Manuel Sanín. O artesán, protagonista da segunda das unidades didácticas deste proxecto, Eu son artesán de percusión tradicional da Fundación Artesanía de Galicia, amosoulle o oficio da construción de pandeiretas.
A Fundación Artesanía de Galicia impulsa desde o ano 2023 este programa de divulgación co obxectivo de achegarlles os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia.
Artesanía na escola comezou con Eu son zoqueira, unha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.
Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na escola. Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.