O oleiro Alberto Lista recibe o Premio Artesanía Galega 2025
Alberto Lista vén de recoller o Premio Artesanía de Galicia 2025. O premio máis importante do país en materia de artesanía vén de recoñecer ao oleiro malpicán, aportando unha dotación económica de 9.000 euros.
Un premio outorgado a unha peza colaborativa de dous obradoiros diferentes: do malpicán e do de marroquinería pontevedrés Coiro Tres Pés. En concreto, Nemein, un xogo de té en gres branco e mate que é portátil grazas a unha funda de coiro negra, da que o xurado destacou o seu exquisito deseño, que funde tradición e estilo contemporáneo, así como permanencia e mobilidade, avogando pola perfecta simbiose entre as dúas disciplinas.
Ademais, os finalistas do galardón foron a estrutura Adega Modular, do obradoiro de marroquinería Jatafarta (Santiago); e o abrigo Preto, do taller téxtil Pal.lium (Cangas). Por outra banda, o Premio Traxectoria recaeu no coruñés Antón Corral Martínez, especializado na construción de gaitas e mestre de varias xeracións de artesáns desde o seu obradoiro-escola de instrumentos musicais populares galegos en Tui, que el mesmo fundou. E para completar a lista, as tres bolsas Eloy Gesto concedéronse á cesteira Ana Belén Martínez, da redondelá Casa Atlântica; a Cristina Molares, da viguesa Vidrieras Artísticas Cosmo; e ao coruñés Pablo Sánchez, que fabrica guitarras e outros instrumentos de corda pulsada.
Exposición de Lista no Castelo
E aproveitando, damos conta de que o Castelo de Vimianzo acollerá unha exposición de Olería Lista na que o público poderá descubrir múltiples pezas que reivindican que a olería non é só unha expresión artística, senón unha parte do noso patrimonio, cultura e das prácticas rituais.
A mostra inclúe unha coidada selección de pezas creadas con cerámica artesanal elaborada en Buño que transforman a tradición en deseño contemporáneo. No taller combínanse mans expertas no torno, novas ferramentas dixitais e moita paixón que dan como resultado pezas únicas.
A inauguración será este xoves, 4 de decembro, ás 10:30 horas. A entrada é libre ata completar o aforo.
