Os sabores de Mazaricos volven triunfar no Xantar Ourense

Xa catamos os tesouros irmandiños que invadiron Ourense, e hoxe toca paladearnos os produtos típicos de Mazaricos que viaxaron á feira gastronómica de Xantar, a única Feira Internacional de Turismo Gastronómico acreditada de España e Portugal, coa Deputación da Coruña. 

Unha delegación municipal encabezada polos concelleiros Beatriz Alvite Novío e Jorge Villar Covas participou no stand da Deputación da Coruña cunha mostra, showcooking e degustación de produtos típicos mazaricáns que congregaron ducias de amantes da boa gastronomía.

O showcooking de chuletón de vaca á brasa e a degustación de bolo do pote volveron ser os pratos estrela da participación mazaricá. O primeiro correu a cargo de José Manuel Carreira, do Asador Manduca. Pola súa banda, Laura Prado e Esther Muiño, da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, repartiron racións de bolo do pote e explicaron aos curiosos a historia desta receita que xa aparece nos versos de Rosalía de Castro.

Amas de Casa de Mazaricos na Feira Xantar 2023

Este ano, e como novidade, o Concello de Mazaricos acudiu a Xantar Ourense cunha gama máis ampla de produtos típicos da zona, co obxectivo de visibilizar a diversidade de sabores, texturas e aromas da boa mesa mazaricá. Así, os mostradores e a degustación incluíron produtos elaborados a partir de cogomelos no Asador Manduca, dende empanadas a patés, leite ou produtos cárnicos da empresa Rebeiroa. Tamén houbo lugar para a artesanía mazaricá, cunha mostra da arte do trenzado de palla de Trenzarte (sancosmeiros e complementos).

 

Máis novas