As bandas muradás triunfaron no 20 aniversario do Castelo Rock
- Os míticos Trapos Sucios recibiron a súa merecida despedida
Celebrou o seu 20 aniversario o Festival Castelo Rock. E fíxoo en clave local, dándolle protagonismo ás bandas da vila máis musiqueira de toda a contorna. Unha delas, das máis significativas, das que máis influíron no despegue de bandas locais son os Trapos Sucios. No seu día marcharon pola porta de atrás, e o Castelo Rock 2024 brindoulles a oportunidade de despedirse por todo o alto.
O seu concerto foi “unha noite chea de emocións, recordos e moito, moito sentimento”, e permitiu que o público muradán tremese por derradeira vez con esta banda xa lendaria.
Pero é que antes, os culpables de caldear o ambiente foron os The Rapants. A banda muradá que está envorcando o panorama musical galego, e estatal, púxose a disposición da organización trala cancelación da actuación de Mysterines (a cantante púxose enferma) e o bolo dos Rapantes e CÍA foi o mellor aperitivo para que The Baboom Show fixese un concerto histórico, como previa ao estoupido que viviu o porto muradán cos Trapos Sucios.
A participación local sobre o escenario aínda ten outros par de nomes magníficos: Os Archivo Adxunto e Terbutalina. Ambas bandas muradáns, foron a alma da noite do venres, facendo que o recinto enteiro cantase, con acento costeiro, as divertidas e desenfadadas letras das bandas.
Houbo moito máis no festival, como este festival Casteliño para os máis peques, con bandas como Cé Orquestra Pantasma, Peter Punk e Brais das Hortas, ou Uxía Lambona e a Banda Molona; o mellor pasarrúas do país, o do Festicultores, ou esa xornada de confraternización clubs de fútbol local na pedra do casco vello.
"Estamos eternamente agradecidos as bandas locais, posto que na presente edición demostraron unha vez máis a calidade dos músicos muradáns”, sinala Ángel Vázquez como voceiro da ACDR Praia do Castelo, a entidade sen ánimo de lucro promotora do festival. “O que quedou demostrado, a pesar de que algúns xa levamos anos diciídoo, é que as bandas muradáns son bandas de primeiro nivel e nada teñen que envexar a ningunha outra. É un tesouro que hai que coidar, e encher o peito cando se fala delas”, conclúe.