Conta atrás para a I Gala do Deporte de Muros

Tralo proceso de votación popular, e a reflexión do xurado, o Concello de Muros prepárase para acoller este sábado 21 de decembro a súa I Gala do Deporte. A cita, será ás 18:30h no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil, que de seguro quedará pequeno para brindar homenaxe ás e aos mellores deportistas do concello.
“O deporte forma parte de Muros, sempre cuns valores que se transmiten de xeración en xeración, con moitas persoas e entidades vencelladas que merecen un recoñecemento”, asegura a alcaldesa, María Lago.
O concelleiro de Deportes, Damián Torea, destaca “a gran receptividade que tivo a gala entre o deporte local, unha iniciativa moi necesaria no Concello de Muros para darlle visibilidade ao noso deporte”. “O evento do sábado será unha festa”, engade.
Na gala, entregaranse os premios á:
- Mellor deportista feminina do Concello de Muros;
- Mellor deportista masculino;
- Mellor club do Concello de Muros;
- Promesas feminina e masculina máis destacadas,
- Mellor evento deportivo municipal.
Pero un dos máis esperados é o premio da “veciñanza”, escollido a través de votación popular, un recoñecemento especial do concello e ata tres mencións especiais.