Os hostaleiros de Muros fórmanse en redes
Non redes de pesca, que a meirande parte xa controlan abondo. Os hostaleiros de Muros participaron esta semana nunha doble sesión formativa sobre redes sociais. A Asociación de Hosteleiros de Muros organizou aos seus socios en xestión económica e visibilidade dixital. Baixo o título "Hostelería Rentable: Más Control, Más Beneficio, Más Clientes", unha vintena de profesionais do sector participaron en dúas sesións de dúas horas no Edificio SEL.
A formación articulouse en dous bloques prácticos. O primeiro, orientado á xestión económica, abordou cuestións como a rendibilidade real por prato, o control de marxes e a toma de decisións baseada en datos. O segundo centrouse en visibilidade dixital: Google Business Profile, redes sociais e o uso estratéxico das recensións de clientes.
As sesións foron impartidas por Suijim Ana Chang Aguilar, de Apoyo Empresarial, e Fabiana Villar Picón, de SOY DE VEO Marketing e Comunicación, coa colaboración de Aralumen Consultoría Enerxética, Productos Cárnicos Domínguez e Debullar Software.
Jorge Rama, presidente da Asociación de Hosteleiros, valorou positivamente o resultado: "A acollida foi moi boa. É fundamental profesionalizar o sector e que os hostaleiros adquiran e consoliden coñecementos que lles permitan crecer."