luns. 10.08.2026
El tiempo

Este outro Castelo Rock é tan ben posible

Festival Castelo Rock-Orquestra Bravu Xanghai
A Orquestra Bravú Xanghai no Festival Castelo Rock-
Este outro Castelo Rock é tan ben posible

Xa non é aquel festival de grandes bandas históricas do rock estatal e de grandes escenarios no porto. Pero esta segunda experiencia deste novo Castelo Rock máis próximo volveu ser un éxito, ratificando a aposta da ACDR Praia do Castelo.

A XXII edición do Festival muradán pechouse este sábado cun balance moi positivo, consolidándose un ano máis como unha das grandes citas musicais do verán galego e demostrando que é posible desenvolver un modelo de festival diferente: de proximidade, integrado na vida da vila, comprometido coa cultura e construído desde o asociacionismo e a participación
comunitaria.

Durante tres días, Muros converteuse nun gran escenario ao aire libre no que a música e a cultura ocuparon rúas, prazas e espazos públicos, facendo da vila un punto de encontro para persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia.

A programación arrancou o xoves coa tradicional xornada gratuíta no Curro da Praza, que reuniu centos de persoas arredor das actuacións de Kondusión Kolérika e True Mountains, dúas propostas que abriron unha fin de semana marcada pola convivencia, a diversidade musical e o ambiente festivo.

Praza do Mercado no Festival Castelo Rock
Praza do Mercado no Festival Castelo Rock

O venres, xa na Praza do Mercado, o festival viviu unha intensa primeira xornada de concertos que comezou coa actuación do músico local XianPais, seguido de Viva Belgrado, Kid Kapichi e LAW. A presenza dos británicos Kid Kapichi, unha das
bandas internacionais máis destacadas desta edición, converteuse nun dos momentos máis celebrados da noite, cun directo contundente que confirmou as expectativas xeradas arredor da formación.
Pola súa banda, Viva Belgrado volveu demostrar por que é unha das propostas máis recoñecidas da escena alternativa estatal, nunha xornada que reuniu centos de persoas diante do escenario principal.

Festival Castelo Rock 2026
Festival Castelo Rock 2026

O sábado, a actividade comezou xa ao mediodía co espectáculo familiar "A Vida Tola", de Natalia Outeiro "Pajarito", na Praza da Pescadería, ao que seguiron os concertos de Tête de la Course e Saraiba na rúa Ancha. Xa pola noite, a Praza do
Mercado viviu unha intensa xornada final coa actuación da Orquestra Bravú Xangai, a enerxía dos británicos Big Special e o contundente directo de Parquesvr, poñendo o broche de ouro a unha edición marcada pola diversidade musical e a excelente resposta do público.

A organización destaca especialmente a excelente acollida da programación, o comportamento exemplar das persoas asistentes e a implicación das numerosas persoas voluntarias, colaboradoras, empresas e administracións que fixeron posible unha nova edición do festival.

Máis alá dos concertos, o Castelo Rock volveu reivindicar un modelo cultural sustentado na participación comunitaria, na súa proximidade e na defensa da música e da cultura e na creación de experiencias que transcenden o propio recinto do festival.

Máis crónicas do Castelo Rock

 

Comentarios