Muros volve denunciar a eterna problemática co servizo de pediatría do Centro de Saúde
Cada pouco, tempo, as pantasmas pediátricas volven invador a comarca de Muros. Cada casuística laboral provoca que moitas familias queden sen un servizo básico como o de pediatría. Unha situación provisiomnal que leva máis dun ano afectando a 900 nenos e nenas de Muros e Carnota, que en moitas ocasións son atendidos por outro profesional e, no caso dos nenos e nenas de 0 a 3 anos, son derivados a Outes ou Noia os días nos que non hai pediatra.
Dende o Concello lembran que o Centro de Saúde leva máis dun ano e medio cunha baixa de longa duración do pediatra que traballaba só en Muros, mentres que outra pediatra, que debe dar servizo algunhas horas cada semana no Centro de Saúde de Carnota, atópase tamén de baixa desde hai varios meses e o seu substituto non exerce todos os días en Muros.
Ante esta situación prolongada, a alcaldesa de Muros, María Lago, solicitoulle unha reunión urxente ao conselleiro de Sanidade da Xunta, Antonio Gómez Caamaño, “para atopar unha solución coa que recuperar a normalidade no servizo de pediatría do noso centro de saúde”.
Estas graves carencias no servizo provocan desde hai tempo as queixas dos veciños e veciñas de Muros, “de familias moi preocupadas como é normal pola saúde dos seus fillos e pola repercusión na conciliación laboral desta situación”, sostén a alcaldesa.
“Os concellos pequenos e medianos temos os mesmos dereitos e necesitamos un servizos públicos dignos e de calidade para manter a poboación, polo que lle solicito unha reunión urxente para atopar unha solución coa que recuperar a normalidade no servizo de pediatría do Centro de Saúde de Muros”, remata María Lago.