O Curso de Monitor de Tempo de Libre de Muros xa cubriu todas as prazas

A concellaría de Cultura, Deporte, Educación e Xuventude convocou a comezos do mes de marzo un curso de monitor/a de tempo libre co obxectivo de formar a futuros/as monitores/as e así poder abrir o abano de posibilidades dentro do mercado laboral. Unha vez máis, a actividade convértese nun novo éxito de participación e boa acollida por parte da mocidade muradá, xa que con moita antelación ao prazo establecido (18 de marzo) completáronse as prazas ofertadas, que eran un máximo de 25. Este curso divídese en dúas modalidades, por un lado, a parte teórica que conta con 200 horas nas que se repasarán diferentes módulos formativos como: a animación á lectura, a expresión dramática, a educación ambiental, a educación para a saúde... E por outro lado, a formación práctica, con 150 horas para a cal o alumnado contará cun prazo de 2 anos para a súa realización, unha vez rematada a parte teórica. A parte teórica do curso comezará este sábado 2 de abril e rematará o domingo 26 de xuño.

O Concello faise cargo da metade da matrícula

Ademais da organización do curso, o concello subvenciona a matrícula para a xente empadroada, que deberán aboar 150,00 €, no canto dos 300,00 € que si terán que pagar as persoas non pertencentes ao Concello de Muros.

A Sala NASMO, punto de encontro para a xuventude

O lugar no que se levará a cabo este curso será a Sala NASMO (Nave de Servizos á Mocidade) localizada no lugar de Baño - Serres, infraestrutura que viu a luz no ano 2009 e que está a albergar numerosas actividades. Na actualidade conta con 16 grupos que fan uso do local de ensaio, unha aula formativa na que se desenvolven varios cursos e xornadas e unha aula dedicada ao uso das novas tecnoloxías, que ofrece acceso gratuíto á internet.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Concellaría de Cultura, Deporte, Educación e Xuventude do Concello de Muros.