Os Terbutalina reparten Hostias para todos

Aí están de novo os muradáns dando caña. Terbutalina saca novo EP, outro bo feixe de Vitaminas para o galego a ritmo de punk. Por certo, non perdades a divertida e surrealista entrevista en Certo...

"Hostias para todos" é o título do novo traballo, que conta coas ilustracións de Arinspunk. A golpe de ghitarra, teclado e batería, apenas tardaron unhas horas en grabalo, deixando claro o sino do seu son gastropunk: "sinxelo e sucio", como non podía ser doutro xeito.
Son 7 temas para degustar, ou máis ben, engulir, desde punkeiradas como “Picolo (vas de verde)” ou “O teu corpo pide jerra” a hostións psicomotrices como “Xira Funeraria” ou “Suisidarse” (do que xa podemos ver o vídeo). Eles mesmos poñen adxectivos: Estupidez, fame e velocidade.

Tras o EP Broncodilatador, e tras situarse no panorama Bizarro Galego, estrean formación a 5: Migui (guitarra e voz), Mon (guitarra e coros), Samuel L. París (baixo e coros), Brais (teclado e coros) e Carlos (batería).

Descarga de balde

E facendo gala de como cambian os tempos, xa podes descargar de balde desde o BandCamp de Terbutalina. A partir de aí, a gañarse a vida de escenario en escenario, coma os grandes.


Un pouco de historia terbutalínica

A Terbutalina nace no incentro entre Ventín, Muíño do Vento e Esteiro (condados do estado de Muros) no 2010. Ex-membros de grupos como THE, Metralla, Skaiola Borrokal ou Süiss dan en se xuntar, tirar para adiante e elaborar unha recua de temas a medio camiño entre o rock de garaxe, o punk e outros sons.
En 2011 lanzan o seu traballo de presentación Live in Catoira, que recolle 8 temas dun concerto perpretado en Catoira (de aí o nome, tampouco é cuestión de romperse a cabeza).

Meses despois viaxan até L.A. para gravar o que será o seu primeiro LP de estudio Broncodilatador. Un disco con 15 racións de gastropunk e música de diferentes estilos sempre baixo a premisa “mellor arriscarse e que rompa”.

E despois? Pois non parar de tocar, que para apalancarse hai tempo a jodelo.

Bailen, hostia! Bailen!

Máis información